Pablo Casado e Díaz Ayuso: aniquilar a Escola Pública, aniquilar o Estado de Benestar.

Se algunha dúbida podía ter alguén acerca de que ocurriría se durante a pandemia que estamos a sufrir gobernara o Partido Popular no Estado, Díaz Ayuso llo deixa ben ás claras: a aniquilación do Estado do Benestar.

Cun goberno constituido hai poucos días e cun Partido Popular non só reforzado pola ultradereita de VOX, senón competindo con eles para ver quen ostenta o cetro das políticas conservadoras e neoliberais, Díaz Ayuso acaba de anunciar o envío á Asamblea da Comunidade de Madrid dunha nova norma educativa na que se blinda a educación concertada e a especial, así como manter a segregación por sexos nos centros sostidos con fondos públicos (ver aquí).

Unha norma que ademáis tenta legalizar a convocatoria de concursos públicos para a construcción e xestión de centros concertados sobre solo público. Recordemos que, no seu día, a LOMCE de Wert, tamén dispuso dun articulado semellante para así legalizar as entregas de solo público realizadas na comunidade madrileña a centros privados que a lei vixente impedía. A LOMLOE da ministra Isabel Celaá volveu á situación inicial que únicamente permite a cesión de solo público para centros públicos.

A norma que pretende impulsar Díaz Ayuso é un intento en toda regla, en nome do mendaz e reiterado relato arredor dunha suposta liberdade de elección, de impedir a aplicación da LOMLOE. Habería que recordar que a Comunidade de Madrid ten a triste honra de ocupar o primeiro lugar no que respecta a nivel de segregación do noso sistema educativo (ver aquí).

Xa que logo, debilitando a Educación Pública e debilitando a Sanidade Pública, como ben quedou demostrado na xestión da pandemia, Díaz Ayuso e Pablo Casado, que defende o éxito da presidenta madrileña como éxito propio, amosan coas súas políticas a decisión de debilitar os servizos públicos esenciais, de aniquilar o modelo de Estado de Benestar, é dicir, os servizos que teñen como suxeitos ao conxunto da cidadanía, para pasar a un modelo de privatización que deixa en mans do mercado a xestión dos mesmos.

Todos aprendimos na pandemia o que supón deixar nas mans do mercado puro e duro a xestión dos servizos esenciais, singularmente da sanidade, pero semella que algúns entenden que a cidadanía, como xa temos escrito noutra entrega (ver aquí), ten “memoria de peixe”. Agardemos que se equivoquen no diagnóstico.

Grazas por compartilo nas túas redes:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *