Ética de Cartón Pedra
O Instituto Ethisphere é unha organización estadounidense que premia ás empresas «máis éticas» do mundo. Unha institución «con ánimo de lucro» que concede a certificación «Ethisphere Ethics Inside». A este galardón chégase unha vez que as documentacións e enquisas proporcionadas polas empresas xeran un determinado valor no «cociente ético verificado», o algoritmo que utilizan e que as fai dignas de tal mención.
A sorpresa está cando nos atopamos que, na lista de empresas “premiadas” con tal distintivo, podemos atoparnos con entidades tales como «Elbit Systems of America». Falamos dunha empresa que moito ten que ver coas matanzas que se están producindo en Gaza xa que é unha subsidiaria da principal empresa de armas de Israel, “Elbit Systems”, fabricante do “Iron Sting” e de avións non tripulados.
O «Iron Sting» (Aguillón de Aceiro) é, en palabras do ministro de Defensa de Israel, Benny Gantz, a arma que «revolucionará a guerra terrestre e equipará aos batallóns con potencia de fogo orgánica, precisa e eficaz». O «Iron Sting» utilizouse por primeira vez en Gaza por parte do exército israelí e é unha bomba de morteiro de alta precisión que emprega un láser e un sistema GPS para alcanzar o seu obxectivo.
Falamos de «Elbit Systems», pero non é a única empresa de armamento que podemos atopar no grupo de empresas «máis éticas». Un distintivo polo que as empresas que pretenden obtelo pagan, e non pouco, por alcanzalo. Iso si, teñen garantido o silencio absoluto caso de non conseguilo.
Pois ben, preguntada a presidenta executiva de Ethisphere sobre a cuestión de como empresas fabricantes de armamento, ou que incumpren os seus deberes fiscais, ou que falsean datos, alcanzan tal certificación, veu dicir que o importante para obter o devandito distintivo é que as empresas teñan “unha boa cultura do traballo”.
Non podo menos que compartir o criterio de Mark Lance, profesor de filosofía na Universidade de Georgetown quen afirmaba, referíndose a esta concesión do distintivo a «Elbit Systems», que «cualificar a unha empresa de ‘moral’ cando está a violar directamente o chamamento ao boicot do pobo palestino da maneira máis directa posible fornecendo equipo militar ás Forzas de Defensa de Israel é burlarse da noción mesma de moralidade ou ética».
Ao ver nunha empresa o distintivo de World’s Most Ethical Companies debésemos supor que unha boa «cultura do traballo» implicaría un comportamento íntegro, protección do medio ambiente, atención aos consumidores, trato xusto aos seus traballadores, respecto aos Dereitos Humanos, …, pero está claro que isto non é así. Parece que basta cunha Ética de Cartón Pedra.