Pandemia e “memoria de peixe”

Durante moito tempo utilizouse a expresión “memoria de peixe” para referirnos á pouca ou nula memoria que nos afecta a nós mesmos ou a outras persoas. As investigacións realizadas nos últimos anos parecen non confirmar a atribución xenérica que facemos aos peixes acerca da súa capacidade neste campo, pero o certo é que o dito se instalou con maior ou menor fortuna na nosa linguaxe cotiá.

Na crise provocada pola COVID-19 e na que a aparición das vacinas permítennos albergar o principio do fin, sería catastrófico que en todos e cada un de nós, tan afectos que somos ao inmediato, reaccionásemos con “memoria de peixe” ante todo o que vivimos e sufrimos neste tempo de pandemia.

A pandemia mostrounos as carencias de solidariedade da nosa sociedade, as desigualdades reais mostráronse en toda a súa crueza e o seu constante incremento ameaza con pór en solfa a propia democracia.

O virus falou e púxonos ante os nosos ollos unhas realidades que non esperabamos ver e das que necesitamos tomar boa nota se, ante situacións futuras semellantes que sen dúbida se producirán, pretendemos responder con eficacia, ademais de servirnos de atalaia para contemplar realidades que non viamos ou que non queriamos ver.

Seremos capaces de extraer as leccións que esta pandemia nos puxo encima da mesa?, estamos dispostos a acometer os cambios de fondo que a nosa sociedade necesita? Ou, pola contra, reaccionaremos como noutras ocasións correndo o tupido veo da inconsciencia, quedando anestesiados e amnésicos ante un panorama que preferimos esquecer.

A pandemia mostrounos as carencias de solidariedade da nosa sociedade, as desigualdades reais mostráronse en toda a súa crueza e o seu constante incremento ameaza con pór en solfa a propia democracia. Contemplamos as consecuencias dunha globalización que só serviu a intereses mercantís, ao capital, pero non ás persoas. Sufrimos a falta de autosuficiencia como país en produtos básicos, especialmente sanitarios. E asistimos ao enfraquecemento durante anos do chamado Estado do Benestar, produto de políticas neoliberais que privatizaron, recortaron e atrofiaron os servizos públicos esenciais e de protección social.

Políticas neoliberais cuxo mellor exemplo de ineficacia témolo no financiamento do sistema sanitario. Anos de recortes, co fin de reducir o gasto orzamentario sanitario, traducíronse no gasto sanitario máis elevado da nosa historia por mor dunha pandemia que se cebou nun sistema de saúde pública debilitado e sen as fortalezas axeitadas para resistir o envite do coronavirus.

Son múltiples as declaracións, artigos ou ensaios nos que se afirma que o mundo pospandemia será un mundo distinto, que nada será igual no futuro próximo ou que temos aprendidas as leccións. Será sen dúbida desexable que así sexa e quero manter a esperanza de que así será, pero é algo que dependerá de todos e cada un de nós, dunha acción colectiva que force os cambios necesarios para poder afrontar os anos de incerteza que sen dúbida nos esperan. Iso, ou responder con “memoria de peixe” e que todo volva ser como antes.

Nota: Artigo publicado en infoLibre.es, ver aquí, o 7 de abril de 2021.

Grazas por compartilo nas túas redes:

1 Response

  1. 18 Agosto, 2021

    […] sanidade, pero semella que algúns entenden que a cidadanía, como xa temos escrito noutra entrega (ver aquí), ten “memoria de peixe”. Agardemos que se equivoquen no […]

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *