Ponte de Baltimore: DEI = DIE, a culpa foi dos negros
Seguramente, se neste país vísemos unha pintada na que aparecese DEI=DIE non tardariamos en preguntarlle ao noso acompañante ocasional polo seu significado e, case con toda seguridade, tampouco obteriamos unha resposta positiva.
En Estados Unidos a cousa cambia, DEI son as siglas que fan referencia aos programas de Diversidade, Equidade e Inclusión. E DIE é unha palabra inglesa que significa «morrer». Por tanto, DEI=DIE reflectiría o odio que os sectores reaccionarios estadounidenses teñen á aplicación de calquera programa que vaia a favor da Diversidade, da Equidade e da Inclusión.
Phil Lyman é actualmente representante político no estado de Utah e está en plena carreira para tratar de gañar as eleccións a Gobernador do seu estado. Sen dúbida unha ambición política totalmente lexítima se non fóra polo uso indecente do «todo vale» para conseguir o fin pretendido.
E nese «todo vale» entra o colapso da ponte de Baltimore (estado de Maryland) ocorrido hai poucos días e que todos puidemos ver nos medios de comunicación.
A Phil Lyman faltoulle tempo para enviar ás súas redes sociais, concretamente a X (antes Twitter), a seguinte mensaxe: «Isto é o que sucede cando hai gobernadores que priorizan a diversidade sobre o benestar e a seguridade dos cidadáns».
Ese tweet era un comentario a outro lanzado pola Federación de Mozos Conservadores, unha organización que se define así: «A nosa misión é identificar, educar e mobilizar á próxima xeración de Mozos Cristiáns Conservadores para marcar a diferenza».
O tweet dos Mozos Conservadores dicía así: «Coñezamos aos comisionados do porto de Baltimore, comezando con Karenthia A Barber. Non sabe nada de Portos, pero é auditora e consultora de diversidade, equidade, inclusión e pertenza (DEIB)». Engadían á mensaxe a foto e unha concisa biografía de Barber.
No seu segundo tweet foi cando Phil Lyman escribiu DEI=DIE. É dicir, defender a equidade, a diversidade e a inclusión equivale á morte.
En Maryland o actual gobernador, Wess Moore, é negro. O alcalde de Baltimore, Brandon Scott, é negro. E Karenthia A. Barber, tamén é negra, ademais de ser unha dos seis comisionados do porto, por certo, con amplo currículo e a primeira muller presidenta da xunta de Maryland Automobile.
A Phil Lyman e aos Mozos Conservadores non lles valeron nin sequera as mensaxes da Casa Branca no sentido de que a traxedia foi produto dun accidente e que «non hai indicios de intencións nefastas no colapso da ponte».
Non importa, a verdade non debe estragar a campaña de mentiras e odio de Phil Lyman nin as alegacións deses Mozos Conservadores que se din cristiáns. A culpa de todo téñena os negros, os latinos, os inmigrantes e os seus dirixentes que promoven a morte, isto é, os programas de Diversidade, Equidade e Inclusión.