Docentes falando sós polos corredores

Comentábanme, hai xa anos, que a un médico español que realizaba unha estancia nun gran hospital privado nos EEUU houbo algo que lle sorprendeu excesivamente o primeiro día que chegou ao centro. Ese algo era ver aos seus colegas médicos falando sós polos corredores do hospital.

Sorprendido por este feito que non parecía normal, o noso paisano preguntou acerca de semellante práctica. A resposta deixou rapidamente o misterio ao descuberto. Os seus colegas ían polos corredores armados cunha minigrabadora e ían redactando os apuntamentos sobre cada un dos seus casos. Esas gravacións pasábanllas logo ao persoal administrativo do hospital para que os transcribisen nas correspondentes fichas de cada un dos pacientes.

Diario de Pontevedra, 15/11/2023

Seguiu inquirindo o noso bo médico acerca de tal práctica e a nova resposta que lle ofreceron non puido ser máis lóxica. O traballo dos médicos era o suficientemente importante e o seu salario demasiado elevado como para que tivesen que realizar un labor que ben podía facer un administrativo. Así pois, era o persoal administrativo quen se encargaba de realizar o conxunto de tarefas burocráticas que, de non ser así, ocuparían un tempo precioso do persoal médico do centro.

E vén isto a conto de que, tras a miña recente incorporación ao centro escolar no que teño a miña praza, tocoume ver a gran carga burocrática coa que se penaliza a uns docentes cuxo tempo estaría moito mellor empregado na práctica pedagóxica.

Poderáseme achacar que, como relator que fun da LOMLOE, a actual lei educativa, teño o meu parte de culpa en devandita cuestión. Non negarei que todo proceso lexislativo é mellorable e que moitas veces se obvia o contacto directo con aqueles que están a pé de obra, pero creo que isto, aínda que poida ter a súa porción de razón, sería desviar o tiro. Unha lei orgánica non descende no seu articulado até a definición última dos procesos burocráticos que leva, nin aos labores cotiáns que implican.

Existen procedementos que poderían optimizar os procesos burocráticos que hoxe en día teñen lugar nos centros escolares e que supoñen unha carga en tempo e recursos que penaliza o estrito labor educativo. Citarei uns cantos a modo de exemplo sen pretender ser exhaustivo nin afirmar que sexan os mellores. O debate debe quedar aberto e sen dúbida hai quen poderán opinar con maior coñecemento de causa.

A presenza de máis administrativos nas escolas, son moitas as que non contan con ningún, sería unha boa medida. Administrativos formados nas Escolas de Administración Pública cun perfil axeitado ás necesidades dos centros escolares. Talvez mesmo, isto requiriría un maior debate, eses postos poderían ser ofrecidos a docentes relevados, por distintas razóns, da súa función educativa.

A Intelixencia Artificial, tan de moda actualmente, podería tamén ter cabida neste campo coas debidas precaucións. Programadores e expertos docentes, traballando conxuntamente, deseñando aplicacións que alixeirasen e facilitasen a carga administrativa.

Sería tambien importante crear un Grupo ou Grupos de Traballo que analizasen os procesos burocráticos actualmente en curso e redactasen un documento coas conclusións que considerasen, recomendando os cambios pertinentes para mellorar os procesos e mesmo aquelas suxestións que, de habelas, poidan apuntar a cambios na lexislación educativa actual. Por suposto, tales grupos debesen estar formados por expertos nos distintos chanzos da administración educativa (titores, persoal directivo dos centros, inspección educativa,…).

O recente acordo sindical asinado entre a Consellería de Educación e varias organizacións sindicais contempla a creación dunha comisión para estudar este tema. Esperemos que non quede reducida a unha serie de vagas recomendacións, trabállese co rigor que merece este tema e poidamos contemplar resultados a curto prazo.

En fin, optimizar o labor docentes, alixeirar a burocracia, contar co persoal axeitado nos centros para as distintas tarefas, non debese atopar motivos de disputa e si ser un lugar de encontro. Non todas as medidas precisan dunha gran carga orzamentaria, polo que iniciar os traballos non debese ter escusa.

Non se trata de ver a mestras e mestres falando sós polos corredores, como aqueles médicos do hospital, pero si de optimizar a función docente na nosa Escola Pública, que é a escola de todas e todos.

Grazas por compartilo nas túas redes:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *