A Stasi e o Voucher: A escola da VLLC
Nunha recente conferencia no Colexio Cardenal Copello, o seu colexio, e ante un auditorio repleto de escolares, o inefable presidente arxentino, Javier Milei, expresábase da seguinte maneira: «Hay un chiste… No lo puedo decir, es muy grosero. Pero el burro tiene éxito por insistidor, no por lo otro… ¿Se entendió no?».
Que o colexio do chiste estea situado no barrio porteño de «Villa Devoto» ten o seu aquel, pero o que non ten nada de chistoso e si de groseiro son as súas achegas sobre a escola pública que, en palabras de Milei, «é un mecanismo de lavado de cerebro». Obviamente, para ese discurso, o «insistidor» escolleu un colexio privado xa que neles «os mozos levan menos tempo expostos ao mecanismo de lavado de cerebro que é a educación pública».
A solución de Milei: implantación da «Stasi» no sistema educativo. Pois iso é o que significa a medida anunciada polo seu goberno de crear unha «canle» para que pais e alumnos poidan denunciar «a actividade política que non respecte a liberdade de expresión» ou cando «non sintan que se estea respectando o seu dereito para educarse».
Sigamos con Milei. «¿Para vos la educación pública no tiene que ser obligatoria?», preguntábanlle nunha entrevista radiofónica. A súa resposta foi a seguinte: «¿Vos querés obligar a un ser humano a que haga algo?».
E non contento con iso engadiu: «El problema es que vos querés controlar a los seres humanos e imponerles tu patrón moral, y yo lo que creo es que le tenés que dar las posibilidades. ¡Eso de andar poniéndole pistolas en la cabeza a la gente para obligarlas a hacer lo que a mí me gusta, no me gusta!».
A educación como un mercado en lugar de como un dereito. E non é un dereito porque, segundo Milei, «alguien lo tiene que pagar». Así é a escola da VLLC, siglas do ideario do presidente arxentino: «¡Viva La Libertad, Carajo!»
O modelo pretendido polo «insistidor» non é outro que a volta ao sistema de cheques escolares, aos «vouchers». Un sistema que conduce á segregación e a privatización do ensino. E se o «voucher» non chega para pagar o recibo, as familias terán que achegar a diferenza e, as que non dispoñan da «prata» necesaria, endebedarse cos bancos para sempre ou convidadas, en nome da liberdade, ao pronto abandono escolar dos seus fillos.
É o mesmo modelo que degradou o sistema educativo do Chile de Pinochet baixo os auspicios do economista Milton Friedman e os seus «Chicago Boys». Por certo, a ditadura chilena tamén foi pioneira na implantación dun sistema privado de pensións que constituíu outro sonoro e cruel fracaso. Iso si, Pinochet, que sabía con quen se xogaba os cuartos, implantou ese modelo a toda a poboación excepto aos militares, que seguiron contando cun sistema de pensións garantido polo Estado.
Volvendo a Milei e ao seu «¡Viva La Libertad, Carajo!», non me digan que esa máxima non lles rememora o modelo de «liberdade tomando cañas» de Isabel Díaz Ayuso. E, mentres se toman as cañas en liberdade, a presidenta da Comunidad de Madrid cede gratuitamente terreos ás escolas privadas en lugar de construír colexios públicos, ten a dubidosa honra de ser a Comunidade Autónoma que menos diñeiro inviste en educación pública por alumno e dá bolsas para que paguen a súa educación privada as familias que gañan máis de 100.000 euros ao mes. «¡Viva La Libertad, Carajo!».
Nada teñen que ver estas políticas co dereito social a unha educación pública, gratuíta, laica e de calidade, isto é, de equidade e excelencia. Sigamos Loitando Carallo!