Dou a benvida ao seu odio

«I welcome their hatred» (Dou a benvida ao seu odio), esa foi a frase crave do discurso de Franklin Delano Roosevelt no Madison Square Garden durante a súa campaña electoral de 1936.  E con esa frase interpelaba ao odio dos máis ricos e poderosos do país por mor da «Lei de Ingresos» presentada polo propio Roosevelt en 1935.

Con esa lei, máis coñecida como a lei do «Imposto á riqueza», o presidente estadounidense pretendía gravar, ata nun 75%, a aqueles cidadáns que gañaban máis dun millón de dólares ao ano, mentres a maioría do pobo bastante facía con sobrevivir nos anos da Gran Depresión.

Comillas
Autor de la cita

«I welcome their hatred»

Franklin Delano Roosevelt (1882-1945)

Diario de Pontevedra, 23/03/2024

Con ese «dou a benvida ao seu odio», o presidente norteamericano respondía á forte campaña dos beneficiarios das grandes fortunas, dos sectores financeiros e da gran banca. Pero Roosevelt non só non se arredró, senón que baseou nesa lei de «Imposto á riqueza» a súa campaña electoral. O éxito da súa estratexia foi absoluto e Roosevelt gañaría ese ano, e de forma abafadora, as eleccións á Presidencia de EEUU.

Se nos trasladamos á época actual, podemos contemplar como Joe Biden tamén presenta, aínda que de forma máis modesta, o seu propio plan de «Imposto á riqueza» e, por suposto, enfróntase aos mesmos inimigos.

Desde a Casa Branca expresan deste xeito o xusto de tal imposto: «Os multimillonarios gañan o seu diñeiro de maneiras que a miúdo se gravan a taxas máis baixas que os ingresos salariais ordinarios, ou ás veces non se gravan en absoluto, grazas a lagoas xigantescas e preferencias fiscais que benefician desproporcionadamente aos contribuíntes máis ricos. Como resultado, moitos destes estadounidenses ricos poden pagar unha taxa media de imposto sobre a renda de só o 8 por cento sobre os seus ingresos completos, unha taxa máis baixa que a de moitos bombeiros ou mestres».

Non fai falta sinalar que esa medida, o imposto á riqueza, conta coa oposición total de Donald Trump. Tamén en España o anuncio no seu día do imposto á Banca e ás grandes fortunas e empresas do goberno de Pedro Sánchez contou coa firme oposición do VOX e do Partido Popular que non dubidaron en tachar esa medida de inconstitucional. Posteriormente, a maioría do Tribunal Constitucional avalaría a súa legalidade.

Os ataques a calquera modalidade de implementar impostos ás grandes corporacións, á banca, aos multimillonarios, non cejarán pois as súas armas, singularmente o uso dos medios de comunicación, son poderosas. Por desgraza aínda conservan todo o seu vigor as palabras do discurso de Roosevelt de 1936:

«We had to struggle with the old enemies of peace: business and financial monopoly, speculation, reckless banking, class antagonism, sectionalism, war profiteering» (Tivemos que loitar cos vellos inimigos da paz: os monopolios empresariais e financeiros, a especulación, a banca imprudente, o antagonismo de clases, o seccionalismo e a especulación coa guerra).

Grazas por compartilo nas túas redes:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *