Política de vales. E quen gañará a batalla?

Na revista estadounidense The Nation, nun recente artigo asinado polos expertos en educación Jennifer C. Berkshire e Jack Schneider, podíase ler o seguinte:

«Noutras palabras, non se trata simplemente de que os vales [para pagar a matrícula nas escolas privadas] subsidien a familias afortunadas e non a familias necesitadas. É que estes agasallos cada vez máis caros ameazan con desprazar os prográmas dos que dependen as familias traballadoras e as que se atopan por debaixo do limiar da pobreza, afianzando aínda máis a desigualdade. O resultado será unha batalla campal polos escasos recursos, que enfrontará aos pais adiñeirados que se benefician de vales escolares contra a maioría das familias cuxos fillos aínda asisten a escolas públicas. Adiviña quen é probable que gañe?».

pontevedraviva.com – 11/02/2024

Un duro artigo sobre as políticas educativas que se están levando a cabo en varios estados norteamericanos e sobre as consecuencias das mesmas. A conclusión á que chegan os autores do artigo non pode ser máis desoladora e, por desgraza, non está lonxe do que pode pasar no noso país de triunfar as teses conservadoras e neoliberais que o Partido Popular e VOX pretenden implementar no noso sistema educativo público.

E non estamos a falar dun hipotético futuro, estamos a falar de realidades xa postas en práctica en España naquelas comunidades nas que as políticas neoliberais atentan contra a escola pública. Cambiemos as palabras do artigo e, en lugar de falar de política de vales, falemos de políticas de bolsas. E lembremos esas bolsas para centros privados ás familias que gañan máis de 100.000 euros ao ano.

Si, bolsas para que poidan pagarse as súas escolas privadas esas familias de «rendas medias que en Madrid están a pasalo tamén moi mal». Esas foron as palabras da presidenta da comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, para xustificar a implantación desas bolsas. Para esas familias que, segue dicindo Ayuso, gañando máis de 100.000 euros ao ano «van ter difícil chegar a fin de mes». E, semellante insulto e labazada ás clases medias e desfavorecidas do noso país, non o esquezamos, co beneplácito de Feijóo e o asentimento de Rueda.

Nese artigo de The Nation, os autores sinalan como no estado de Kansas, non só os demócratas, senón tamén os propios republicanos reaccionaron ante unha política educativa que se volvía contra os seus propios fillos. Gustaríame pensar que unha reacción semellante désese no noso país e que os votantes, todos os votantes, reaccionasen ante quen atenta contra o noso sistema educativo público, ante aqueles que defenden un sistema educativo privado, ante os que, en definitiva, pretenden que a escola pública quede como un servizo de beneficencia para os máis necesitados, mentres se lles paga a escola privada a quen, gañando 100.000 euros ao ano, apenas -valla a ironía- poden chegar a fin de mes.

O devandito para educación poderiámolo estender ao conxunto de servizos públicos esenciais, e de modo especial á Sanidade Pública. Espero que nestas eleccións do 18-F en Galicia os votantes, todos os votantes, teñamos en conta o moito que nos xogamos na defensa duns servizos públicos de calidade para todas e todos.

De non ser así, a pregunta dos autores do artigo, «adiviña quen é probable que gañe?», terá unha resposta desgarradora que significará a deterioración do público, a vitoria da privatización e o triunfo das políticas de «sálvese o que poida».

Grazas por compartilo nas túas redes:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *