A cruzada de James Ho: o aborto como «dano estético»

Aquí preséntolles o caso do cidadán James Ho e a súa cruzada contra o aborto, aínda que quizais lle viñese mellor cambiar un pouco o seu nome e deixalo como James Ooooh!

Saiban que o tal James Ho, respectarei o nome que lle puxeron os seus pais, é un avogado e xurista que exerce actualmente como xuíz da Corte de Apelacións do Quinto Circuíto de EE.UU. E para que o que vén a continuación non se lles indixeste demasiado, direilles que si, que foi nomeado para ese cargo por Donald Trump. Xa se sabe, Deus os dá e…

PontevedraViva, 29/03/2024

A situación é a seguinte. Un tribunal formado por tres xuíces, Ho entre eles, fallou a favor de maiores restricións para o acceso á mifepristona, un medicamento para a interrupción do embarazo. Non se atreveron a ratificar a total prohibición que previamente decretara outro xuíz (si, tamén nomeado por Donald Trump), pero si a dificultar o acceso ao devandito composto.

Pero, o indigno do caso, foron as argumentacións achegadas polo tal James Ho. A maior das súas lindezas foi a de afirmar que as mulleres que exercen o seu dereito ao aborto causan «danos estéticos» que, na súa cosmovisión, unha sociedade non pode tolerar.

Así, di nas súas conclusións que «os bebés non nados son unha fonte de profunda alegría para os que os ven. Os futuros pais comparten con entusiasmo fotografías de ecografías cos seus seres queridos. Amigos e familiares alégranse ao ver un feto. Os médicos gozan traballando coas súas pacientes non nadas e sofren un dano estético cando son abortadas».

Pero esperen, que a cousa non acaba aí, para xustificar ese intolerable «dano estético» utiliza unha ampla argumentación baseada na lexislación medioambiental con parágrafos deste tenor: «Está ben establecido que, si un demandante ten plans concretos para visitar o hábitat dun animal e velo, ese demandante sofre un dano estético cando unha axencia aprobou un proxecto que ameaza ao animal».

Para James Oooh! -síntoo, escapóuseme-, as mulleres que se someten a un aborto incorren nun delito de «dano estético» contra a sociedade equiparable ao que comete quen esnaquiza unha paisaxe natural, ou atenta contra os escaravellos.

«Dano estético» ou, quizais en mellor tradución, «privación estética». Así, o dano aos médicos sería por causarlles unha «privación estética» ao non deixarlles contemplar o corpo da muller embarazada durante a xestación, máis concretamente o seu interior, a través das distintas tecnoloxías de imaxe. Isto é, cosificación absoluta do corpo feminino que, para o xuíz, non deixa de ser máis que unha paraxe a contemplar.

Dirán vostedes que por que estou a falar de algo acontecido o ano pasado, a razón é que precisamente nestes días chegou o caso da mifepristona á Corte Suprema dos EE.UU. Todo aparenta a que haberá sensatez no fallo final e que os argumentos irracionais de os que pretenden prohibir este medicamento caerán polo seu propio peso, pero xa saben vostedes que, nisto dos “fallos”, nunca se sabe.

Grazas por compartilo nas túas redes:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *