Segregación dende a escola: unha lacra do noso sistema educativo

Pulsar na imaxe para acceder ao documento.

A publicación do informe “Diversidade e liberdade: Reducir a segregación escolar respectando a capacidade de elección de centro” pon diante dos nosos ollos a tremenda lacra que significa para o noso país o nivel de segregación do noso sistema educativo, singularmente en determinadas comunidades autónomas, con Madrid á cabeza de tan triste ranking.

España sitúase no terceiro lugar no índice que mide o nivel de segregación socioeconómica na educación primaria, superado únicamente por Turquía e Lituania. Un índice que indica a concentración do alumnado procedente de familias con escasos recursos ecónomicos e baixo nivel cultural nos mesmos centros educativos.

Por desgraza, non é algo que non se tivera denunciado en numerosas ocasións. Moitas veces temos advertido de que a suposta liberdade de elección de centro, reclamada reiteradamente polas forzas políticas de dereitas, non ten outro significado que a liberdade dos centros de seleccionar ao seu alumnado. Así, de forma continua, curso tras curso, pódese comprobar como os centros públicos asumen a meirande parte do alumnado con necesidades educativas específicas, de alumnado inmigrante ou de alumnado procedente das clases sociais máis vulnerables, nunha porcentaxe moi superior aos centros concertados.

A lei de educación promovida polo ministro Wert no período de goberno de maioría absoluta do Partido Popular, a LOMCE, promovía en gran medida o incremento da segregación no sistema educativo. A creación de centros educativos en función da denominada demanda social non tiña outra función. A nova lei, a LOMLOE, trata de corrixir esta situación, pero non será tarefa fácil. Compre que as Comunidades Autónomas asuman tamén o seu papel de garantes da equidade no sistema educativo e implementen as medidas necesarias para evitar que a segregación continúe de facto nos centros educativos.

De certo que a lectura deste informe, da autoría de Álvaro Ferrer e Lucas Gortázar, non deixará indiferente a ninguén, o cal non ten por qué significar que se teña que estar dacordo con todos os puntos planteados, especialmente con aqueles formulados como posibles solucións a un problema de por sí moi complexo e que quedan resumidos neste gráfico:

Aquí deixo o vídeo da presentación deste informe por parte dos seus autores, seguido dun interesante debate de expertos sobre o tema.

Grazas por compartilo nas túas redes:

1 Response

  1. 18 Agosto, 2021

    […] A norma que pretende impulsar Díaz Ayuso é un intento en toda regla, en nome do mendaz e reiterado relato arredor dunha suposta liberdade de elección, de impedir a aplicación da LOMLOE. Habería que recordar que a Comunidade de Madrid ten a triste honra de ocupar o primeiro lugar no que respecta a nivel de segregación do noso sistema educativo (ver aquí). […]

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *