Ángel Gabilondo: cultura e educación para un mundo xusto e libre
Non vou ocultar a miña admiración cara á persoa de Ángel Gabilondo desde que o coñecín sendo ministro de Educación do segundo goberno de José Luís Rodríguez Zapatero. Nesa etapa, na que eu era portavoz de educación do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, puiden ver os continuos e denodados esforzos de Gabilondo por conseguir un Pacto pola Educación que, si non se converteu en realidade, foi pola orde taxativa que, desde Génova e a última hora, trasladou o Partido Popular aos seus representantes na mesa de negociación para que non asinasen. Unha decisión da cúpula popular baseada unicamente en cálculos electorais e non nos contidos dun acordo que estaba practicamente pechado, como ben recoñecen, na intimidade, os actores daquela afronta.
Aquela foi unha oportunidade perdida, pero tamén unha ocasión para contemplar a altura dun Ministro de Educación que, pese ao comportamento da dereita política, tivo a gallardía de incorporar motu proprio gran parte dos acordos nas actuacións levadas a cabo desde o ministerio, especialmente á través dos Programas de Cooperación Territorial, ver aquí, de tan grato recordo para o sistema educativo do noso país. Un investimento, entre as achegas do Ministerio de Educación e as das Comunidades Autónomas, que supuxo máis de 500 millóns de euros no curso 2010-2011. Desgraciadamente, no curso seguinte, e co goberno de maioría absoluta presidido por Mariano Rajoy, o ministro Wert encargaríase de aplicar a tesoira a estes programas e, o que é máis indecente, os maiores recortes déronse nos programas para o alumnado con máis necesidades educativas, ver aquí.
Vexo agora ao candidato Gabilondo a presidir a Comunidade de Madrid, escóitoo con voz apaixonada falar do seu programa educativo, e recordo un artigo seu publicado en EL PAÍS en maio de 2006 titulado “A educación como contaxio”, ver aquí.
Dese artigo quero extraer unhas frases que creo retrata á perfección o pensamento de Ángel Gabilondo sobre a educación e a cultura:
A cultura e a educación son verdadeiras accións de loita por un mundo máis xusto e máis libre.
A educación non é patrimonio de ninguén, é un ben público e unha sociedade é o que esta sexa.
A educación sácanos do que xa somos e provócanos a ser doutra maneira.
E en coherencia con ese pensamento, un programa electoral que conta co aval do realizado por Ángel Gabilondo en favor dos sistemas educativo público cando foi Ministro de Educación. Un programa de goberno que sen dúbida procederá a dar un gran cambio á educación pública da Comunidade de Madrid que, coas políticas de Ayuso ten a triste honra de ser a comunidade autónoma con maior segregación escolar por motivos socioculturais, ver aquí.
Aquí deixo unha relación coas principais medidas en materia de Educación do Programa Electoral presentado por Ángel Gabilondo para a Comunidade de Madrid. Quen queira acceder ao programa completo pode facelo pulsando aquí.
- Impulsar un Pacto Autonómico pola Educación co obxectivo de incrementar a calidade da educación madrileña con equidade e baseado nunha educación pública como garantía da igualdade de oportunidades.
- Ante a crise do COVID-19 débese garantir a educación presencial, implementando todos os recursos e apoios necesarios para que o alumnado poida continuar os seus procesos educativos e formativos, con medidas de prevención, hixiene e saúde que fagan compatible a situación excepcional que vivimos co dereito á educación.
- Establecer un incremento do investimento educativo por alumno na Comunidade de Madrid para achegalo á media nacional. Establécese o obxectivo de incrementar 25.000 novas prazas públicas no sistema educativo madrileño.
- Pór en marcha un plan de choque de centros educativos dotado con máis de 250 millóns de euros para a construción, ampliación e mellora dos mesmos, así como asegurar a súa accesibilidade, sustentabilidade e conexión a internet de alta velocidade e cun compromiso específico de acabar coa construción por fases.
- Procuraremos a universalización da educación infantil de 0 a 3 anos, ampliando o número de prazas ofertadas nunha escola infantil ou casa de nenos públicas. A meta é que ao final da lexislatura sexa cuberto polo menos o 50% das prazas demandadas polas familias no curso 2021/2022.
- Novas prazas para a Formación Profesional, especialmente a dual, que terá até 10.000 novas prazas, creando novos grupos, ampliando a oferta vespertina, ampliando a oferta de FP en institutos de ensino secundario que non a ofertan e asegurando unha oferta pública en todos os municipios de máis de 20.000 habitantes.
- Impulsar a baixada dos prezos públicos universitarios até niveis do curso 2011, co obxectivo de lograr progresivamente a gratuidade da primeira matrícula, a equiparación dos prezos públicos de máster aos de grao e a exención do pago do ensino superior a vítimas de violencia de xénero e ás súas fillas e fillos.
- Ao final da lexislatura o investimento en I+D+i deberá ser do 2% do orzamento rexional. Incorporaremos 1.000 novos investigadores.