Reforma Laboral: Memoria e Contraste

No inicio da miña vida laboral, tiven a sorte de atoparme rodeado de grandes compañeiros que me incorporaron á vida sindical. Eles ensináronme a repercusión dos convenios laborais na vida dos traballadores. Aprendín tamén que os avances, que as conquistas de dereitos e condicións laborais, sempre se deben votar a favor. Que perseguir o mellor nunca debe significar perder o posible e que os acordos entre partes perduran máis que os desacordos. A Reforma Laboral aprobada onte no Congreso é un bo exemplo do que estamos a falar.

Pero antes de seguir, fagamos un pouco de memoria. No mes de xullo de 2012, o goberno de maioría absoluta do Partido Popular establecía que os parados verían reducida a súa prestación por desemprego, non fose que “xere efectos desincentivadores na procura de emprego”. No momento en que Mariano Rajoy realizaba ese anuncio no Pleno do Congreso, a deputada do Grupo Popular, Andrea Fabra, lanzaba este berro desde o seu escano: “Que se fodan!»

Uns meses antes entraba en vigor a Reforma Laboral do Partido Popular. Unha reforma realizada desde a imposición que lle permitía a súa maioría absoluta. Unha reforma que implicaba o total desprezo á procura de acordos, o que implica, en definitiva, renegar dos máis altos valores da democracia: o diálogo como instrumento e o consenso como meta.

Unha Reforma Laboral deseñada, como ben acertaba a resumir Fernando Luján, secretario confederal de UGT, para “devaluar as condicións laborais, devaluar os salarios e devaluar os dereitos dos traballadores”.

Como contraste, a Reforma Laboral auspiciada desde o goberno de Pedro Sánchez, chegou ao Congreso cunha gran mochila cargada de máis de nove meses de diálogo, debates, discusións, encontros e desencontros para, finalmente, atopar xenerosidade, acordos e consenso por parte do goberno e dos interlocutores sociais, organizacións sindicais e empresariais.

Un Reforma Laboral que, e tamén en contraste coa anterior, persegue a mellora das condicións laborais, o incremento dos salarios, fortalecendo o papel dos sindicatos e a negociación colectiva. Unha reforma que, para iso, conta con dúas medidas fundamentais: recobrar por lei a ultraactividade dos convenios e primar o convenio de sector sobre o de empresa (salvo, obviamente, que este último sexa mellor).

A reforma do Partido Popular, ao suprimir a ultraactividade, provocaba que as empresas non mostrasen ningún interese en alcanzar acordos. Ao contrario, non asinar un novo convenio implicaba para os traballadores perder os dereitos adquiridos, aplicar directamente o Estatuto dos Traballadores e uns salarios que podían derivarse ao salario mínimo. A ninguén se lle escapa que, ademais, isto perseguía dar un duro golpe ao movemento sindical.

Eliminar a ultraactividade dos convenios levou perda de masa salarial, aumento da precariedade e da temporalidade e incrementar a cota de desigualdade no noso país. Lembremos que naquel momento o goberno de Rajoy insistía en que incrementar o Salario Mínimo Interprofesional (SMI), que no ano 2015 era de 648 euros, significaría destrución de emprego. O actual goberno demostrou o falso de tal aserto, hoxe o SMI está en 965 euros, a maior subida da historia, e o emprego, datos da última EPA, mostrou resultados espectaculares que nos enchen de esperanza.

Estamos ante unha boa lei que, entre outras cuestións, devolve dereitos aos traballadores, evita a competencia desleal entre as empresas en base aos salarios e condicións laborais, persegue reducir a precariedade e penalizar a temporalidade sen causa, que fai do contrato indefinido a norma básica, consolida e mellora os ERTE, estabiliza o emprego, aborda unha mellora da formación laboral dual, aplica o convenio do sector ás subcontratacións e, moi especialmente como antes dixemos, mantén a ultraactividade dos convenios. Todas elas poderosas razóns para apoiar unha lei que, nacendo do consenso, representa un cambio de paradigma e un excelente exemplo do que en política supón a ética da responsabilidade.

Grazas por compartilo nas túas redes:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *