Política si, pero… e quen pon as cadeiras?
Preguntaba un xornalista a Gregorio Marañón acerca de cal era, en medicina, a innovación máis importante dos últimos anos. A resposta do insigne doutor non se fixo esperar: «A cadeira, a cadeira que nos permite sentarnos á beira do paciente, escoitalo e exploralo».
Esa magnífica resposta de Marañón, tanto por sinxela como por xenial, representa unha chamada ao valor do tempo e, singularmente, ao valor do tempo de escoita, do tempo que nos permite achegarnos ao padecer e ao saber do outro e que nos achega claves para aproximarnos á resposta correcta.
¿A innovación más importante en medicina?:
«A cadeira, a cadeira que nos permite sentarnos á beira do paciente, escoitalo e exploralo»
Médicos e pacientes seguen reclamando hoxe que as consultas en atención primaria non poden ser de cinco minutos. «Que che dá tempo a facer en cinco minutos e que me pides que faga eu?», expresaba un facultativo para xustificar o seu desazón. Con máis vehemencia, outro compañeiro expresábase de forma rotunda: «A falta de tempo médico é igual a morte».
Esa perspicaz metáfora de Gregorio Marañón, esa mención á cadeira como imaxe da necesidade do tempo necesario para escoitar ao outro, ben pode trasladarse á política, actividade que como intelectual comprometido coñecía ben.
Unha política que hoxe atópase inmersa nos mares do instantáneo, da aceleración, das redes sociais, do titular atractivo –cando non enganoso- como cebo, da soflama e a arenga, da polarización que fai renegar a cotío do outro.
Unha política que semella apartada da serena reflexión, do tempo que necesita a razón para alimentarse, do debate sincero que nace da premisa de que ninguén pode arrogarse a posesión da verdade.
Precisamos da política do respecto ao outro no seu sentido etimolóxico. Do latín «re-spectus», co significado de «volver mirar», de non bastar cunha primeira mirada senón de profundar e revisar as nosas primeiras impresións. Unha política necesitada do mirar e non só do ver, do escoitar e non só do ouvir.
Pero tamén unha política que require dunha cidadanía disposta a concederlle ese tempo de escoita, que esixa e preste atención a argumentacións serenas e atenta ao discurso reflexivo, sen apresurarse a cambiar de canle. Unha escoita activa que permita articular unha resposta coherente.
Se o médico dicía que a falta de tempo é igual a morte, tamén unha política sen cadeiras, sen tempos para a escoita que preceda á acción, poida derivar en idéntico rumbo.
Volvendo ao noso sabio doutor, necesitamos reivindicar, tamén na política, esa cadeira que nos permita a todos sentarnos, escoitar, explorar. Si, fannos falta cadeiras, pero… e quen pon as cadeiras?
Apostila final: Quizais resulte moito máis inquietante coñecer a resposta a esta pregunta: estamos dispostos a sentarnos?