O pé esquerdo de Feijoó, políticas de que pasado e para que mañá?

Non semella que Núñez Feijóo, o líder “in péctore” do que eles mesmos denominan novo Partido Popular, se levantara con bo pé na asunción da súa aclamada presidencia. Dá toda a sensación de que se levantou co pé esquerdo, cuestión que, obviamente, non ten nada que ver coa súa ideoloxía e si co mal fario que a tradición atribúe aos que se levantan de mañá con tal extremidade.

Diario de Pontevedra, 19-03-2022

A acusación lanzada ao Presidente do Goberno, Pedro Sánchez, de que este quería forrarse á conta dos impostos ás eléctricas e aos hidrocarburos quedará durante moito tempo nos anais como exemplo dun político que sempre tivo a gala gabarse como magnífico xestor, pero que coas súas verbas amosa todo o contrario.

É o inconveniente de quen antepón o cálculo electoral ao discurso veraz, non importándolle ser vehículo que alimente falsas noticias. E ademais, neste caso, evidenciando un nulo coñecemento de como se distribúen os impostos no noso país ou, máis concretamente, cales deles reciben as comunidades autónomas.

O clamor e o bochorno colapsaron medios de comunicación e redes sociais, tendo que lembrarlle ao “gran xestor” que tales impostos van ao haber da Galicia que goberna. Concretamente o 58% do imposto de hidrocarburos e o 100% do imposto sobre a electricidade. Se ademais lle sumamos o que reverte polo IVE, resulta que Núñez Feijóo recibe “para forrarse” máis de 2.461 millóns de euros.

E non falamos dunha cantidade menor, esa cifra é semellante á suma do orzamento de gastos da Xunta de Galicia en Pesca, Empresa, Sociedade da Información, Xustiza, Actuacións no medio Rural, Actuacións no medio Ambiente, I+D+i, Infraestruturas, Emprego, Dinamización do Medio Rural e Transferencias aos Concellos, que ascende a un total de 2.511,6 millóns de euros. Ou si prefírese, a suma é practicamente o gasto da Consellería de Educación, 2.684,5 millóns.

Son, todos eles, datos que indican para que serven os impostos á cidadanía salvo que, efectivamente, e permítanme a ironía, Núñez Feijóo os use para “forrarse”.

Con todo, para min, moito máis preocupante e que pasaron máis desapercibidas, son as declaracións de Nuñez Feijóo realizadas o pasado sábado en Tenerife, no seu periplo precongresual por toda España. En devandito mítin, o futuro presidente do Partido Popular afirmou que aspira a unha política diferente inspirada no pasado e pensada no mañá.

Non estaría mal que Núñez Feijóo nos advertise en que pasado ten pensado inspirarse. No pasado de Manuel Fraga, no pasado de José María Aznar ou no recente pasado de Mariano Rajoy. A súa concreción permitiríanos afinar cales son esas políticas do mañá nas que está a pensar, as dos recortes nos servizos públicos esenciais (sanidade e educación), aquelas que buscan para o privado a excelencia e para o público a beneficiencia, a das amnistías fiscais para os que máis teñen, a dos pactos coa ultradereita de VOX, a da precariedade e a temporalidade no emprego, a da perda de dereitos sociais como a eutanasia ou o Ingreso Mínimo Vital, a reversión da subida de pensións respecto ao IPC, … En fin, poderiamos seguir, pero esperemos que Núñez Feijóo teña a cortesía de contárnolo con detalle (e si, adiviñárono, isto último tamén é ironía).

(Artigo publicado no Diario de Pontevedra, o 19 de marzo de 2022)

Grazas por compartilo nas túas redes:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *