As obras do Nó de Bombeiros na cidade de Pontevedra

O pasado mércores, 13 de outubro de 2021, na Comisión de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, realicei unha pregunta oral ao Secretario Xeral de Infraestructuras, Sergio Vázquez Torrón, acerca dunha importante actuación a desenvolver na cidade de Pontevedra, a REMODELACIÓN DO ENLACE DE PONTEVEDRA NORTE (NÓ DE BOMBEIROS).

Como pode verse na resposta do Sº. Xeral de Infraestructuras, resulta moi relevante o cambio de estratexia do actual Goberno que mudou a fórmula de financiación da citada actuación, tomando a decisión de financiala cos fondos do propio Ministerio en troques de que fora adxudicada a AUDASA a cambio de incrementos nas peaxes.

Deixo a continuación o vídeo da sesión e o texto das intervencións.

ACTUACIÓNS QUE TEN PREVISTO REALIZAR O MINISTERIO DE TRANSPORTES, MOBILIDADE E AXENDA URBANA RELATIVAS AO PROXECTO QUE FIGURA NOS ORZAMENTOS XERAIS DO ESTADO PARA O ANO 2021 BAIXO O EPÍGRAFE REMODELACIÓN DO ENLACE DE PONTEVEDRA NORTE (NÓ DE BOMBEIROS).
AUTOR: MEIJÓN COUSELO, GUILLERMO ANTONIO (GS). (Número de expediente 181/001385).


O señor PRESIDENTE: Pasamos á seguinte pregunta. Polo Grupo Socialista, señor Meijón, ten vostede a palabra.

Señor MEIJÓN COUSELO: Moitas grazas, señor presidente.
A pregunta é bastante sinxela e ten que ver coa remodelación do enlace de Pontevedra Norte, tamén chamado Nó de bombeiros. No último orzamento socialista do ano 2011, con Rodríguez Zapatero como presidente, esa partida contaba con 150.000 euros para facer un estudo. O Partido Popular mantivo esa partida no ano 2012 sen facer nada e reduciuna a 10.000 euros nos de 2013. A partir de aí, esa partida desapareceu por completo do mapa até 2018 —achegábanse as eleccións— e dotouse cun millón de euros dos cales nunca máis se soubo.

Nos anos 2019 e 2020 houbo prórrogas dos orzamentos de 2018 e no primeiro orzamento de Pedro Sánchez vólvese coa partida de 2.250.000 euros e, por fin, fíxase unha estimación total do custo da obra superior a 10 millóns de euros. Certo é que iso implicaba ter negociacións con Audasa, que non sabemos até que punto fixéronse ou non, e que ademais cadrou coas negociacións que o Goberno estaba a facer para a rebaixa histórica das peaxes nesta autoestrada que vertebra Galicia de Norte a Sur.

Por tanto, a cidadanía de Pontevedra quixese saber cal é a situación actual dese proxecto tan importante que nos vai a permitir conectarnos dunha maneira máis racional e máis segura coa autoestrada AP-9.
Moitas grazas.

O señor PRESIDENTE: Grazas.
Señor Vázquez, pode vostede responder.

O señor SECRETARIO XERAL DE INFRAESTRUTURAS (Vazquez Torrón): Efectivamente, esta é unha actuación non diría pequena e cunha longa historia: desde o orzamento de 2011 que relata, até o protocolo de colaboración que asinou Ana Pastor con Audasa para mellorar a conectividad da autoestrada con varios núcleos de poboación. Alí aparecía tamén esta actuación. Ese protocolo establecía que o proxecto sería redactado por Audasa e aprobado polo Ministerio de Transportes e as obras serían financiadas por Audasa, é dicir, polos cidadáns galegos, con cargo á conta de compensación do real decreto de 2011, é dicir, mediante a subida de tarifas. Esa era a intención do Goberno anterior. Cinco anos despois, en 2016, aprobaron o proxecto.

Efectivamente, trátase dunha actuación que leva comprometida moitos anos, pero cuxa licitación non impulsou o Goberno anterior, a pesar de ter un presidente e unha ministra de Pontevedra. Esa é a realidade. Neste sentido, pódolle anunciar que demos luz verde para tramitar a súa licitación canto antes; si non hai ningún problema, será publicada no BOE a principios do próximo exercicio. Adicionalmente, para non ter que engadir novas cargas aos usuarios mediante a subida de tarifas, decidimos que sexa o ministerio, é dicir, o orzamento público, o que asuma a totalidade do custo da actuación. A obra está orzada en 7 millóns e consignamos 2,3 millóns para esta actuación neste exercicio, que son os que prevemos executar.

No entanto, tamén quero mencionar que para poder adxudicar esta obra previamente hai que dispor duns terreos que actualmente son municipais e que ocupan parte do parque de bombeiros da cidade, pero isto non vai ser un trámite que vaia demorar a actuación. Tamén se vai a facer unha permuta deses terreos por outros que actualmente forman parte do dominio público viario mediante un convenio entre o concello e o Mitma que está en tramitación, tramitación que, como dicía, vaise a facer en paralelo á licitación das obras, polo que non suporá unha demora.

En definitiva, demos luz verde a este proxecto que é realmente esperado pola cidade de Pontevedra. Co conxunto de bonificacións á autovía AP-9, que ven reflectidas nestes orzamentos, a provincia de Pontevedra vaise a beneficiar de máis de 35 millóns de euros e, modestamente, cremos que imos mellorar a mobilidade dos cidadáns desa cidade.
Moitas grazas.

O señor PRESIDENTE: Moitas grazas.

Grazas por compartilo nas túas redes:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *