Memorias de Tuco: «Un taxi verde e un concerto»

O meu compañeiro e mellor amigo, Francisco (Tuco) Cerviño, ven de publicar en Galaxia as súas memorias baixo o título «Un taxi verde e un concerto», se ben, de pretender ser precisos, teriamos que sinalar que o texto abrangue as primeiras tres quintas partes do seu periplo vital. Quedan, pois, sen relatar dúas partes que, agardo, conformarán un novo volume no que as súas vivencias como profesional e xestor sanitario, o tempo político da transición e a súa etapa no Parlamento de Galicia cobrarán vida.

Con Tuco Cerviño coincidín seis anos no Parlamento de Galicia, os catro anos da lexislatura do goberno de Emilio Pérez Touriño e os dous primeiros anos de goberno de Núñez Feijóo, polo que tivemos tempo de fraguar unha fonda amizade e contar con vivencias comúns que, na faceta parlamentaria, tiñan que ver, nomeadamente, coa situación da nosa lingua galega, tanto dende a óptica cultural como dende a educativa. Tempo e páxinas haberá para recordalos.

Creo que para dar conta do contido e do espírito do libro resultará moito mellor acudir ás palabras do propio autor, razón pola cal permítome deixar a continuación o resultado da excelente entrevista que lle realizou Miguel Ángel Rodríguez, director do Diario de Pontevedra, a Tuco Cerviño, e da que fun -xunto con Roxelio Pérez Poza- testemuña privilexiada. Por certo, entrevista da que o propio Tuco fixo comentarios eloxiosos. Aquí vai:

Francisco Cerviño: “Parte deste libro é pura Pontevedra e os pontevedreses que eu coñecín”

Xosé Fortes, ilustre historiador pontevedrés e amigo persoal do autor, presentará mañá no IES Valle Inclán Un taxi verde e un concerto, de Francisco, Tuco, Cerviño ► Acompañaraos o presidente do Consello de Administración da editorial Galaxia, Antón Vidal Andión ► Os tres revivirán, coma no libro, a vida pontevedresa desde os anos 50 ata ben entrados nos 80

O seu parecido físico con Mariano Rajoy ten motivado na súa vida multitude de anécdotas que este médico, ex-xerente dos hospitais Juan Canalejo ou Gregorio Marañón, e diputado socialista en Galicia durante catro lexislaturas leva sempre co seu bo humor característico. Francisco, Tuco, Cerviño, procedente do nacionalismo de esquerdas, fillo e neto de concelleiros en Pontevedra, destápase agora nun libro que mañá presenta no IES Valle Inclán (o instituto onde se formou). “Ían ser unhas memorias políticas, pero son as memorias de parte de miña vida”, recoñece. Na obra, titulada Un taxi verde e un concerto, Pontevedra ten “un protagonismo máximo”.

Diario de Pontevedra, 5/06/2023

Sempre lle gustou escribir?
Pois mire, creo sinceramente que fago bos perfís. Teño escritos perfís coma o de Fraga, o de Antolín (Sánchez Presedo), o de Ceferino Díaz, de Beiras, de Victorino Núñez, Paco Vázquez…

Entón agora tocáballe o seu propio perfil?
En realidade pensaba facer unhas memorias parlamentarias tras rematar a miña etapa no Parlamento Galego, no 2013. Ían comezar coa chamada de Tino Méndez, que era diputado no Congreso, ao meu despacho de xerente do hospital Gregorio Marañón de Madrid. Preguntoume, por indicación de Antolín Sánchez-Presedo, se estaría disposto a ir na lista do Partido Socialista. Díxenlle que por suposto, encantado. Aí empezaban…

Pero…
Pero un vello amigo escritor díxome no paseo marítimo da Coruña que unhas memorias que non responden á pregunta de quen son eu non lle interesan a ninguén. Así que tempo despois pensei que o fío condutor das miñas memorias tería que ser o tempo, non a política.

O libro vai entón do tempo da súa vida.
Ese tempo empeza na miña infancia e familia, logo na adolescencia e mocidade, e despois a miña etapa de profesional e na política preparlamentaria, para rematar coa política como profesión. Ese era o plan…

De novo outro pero.
Pois si. Porque púxenme a escribir e rematei as tres primeiras partes, que son estas memorias. A cuarta parte está sen escribir, teño materiais, pero… é a miña parte como profesional sanitario, como xestor, e tamén a miña parte na política, na transición, no tardo-franquismo, ata entrar no Parlamento, que sería xa unha quinta parte.

Así que o que pense que vai mercar un libro dun político falando de política vaise equivocar…
Non de todo. Ao final a política está en moito do que lembro e do que escribo, porque a política forma parte da miña vida desde neno, na casa.

Con Pontevedra moi presente?
A primeira e segunda parte do libro son pura Pontevedra e os pontevedreses que eu coñecín, aínda que na primeira parte está Cotobade, porque a minha familia paterna é de Cotobade, onde pasei todos os veráns ata os 18 anos. Pero a miña familia materna é de Pontevedra. Temos contado ata oito tataravós pontevedreses, pero hai máis datos de atrás, todos de Pontevedra.

A súa nai, Daría González, mestre e política, era filla de Bernardino González Paz e neta de Lino Enrique García Requejo, o mestre que introduciu en Galicia o sistema de ensino Froebel. Daría foi pioneira ao estudar na Universidade de Santiago, unha das poucas mulleres participantes no Seminario de Estudos Galegos, fundadora xunto co seu marido, Francisco Cerviño, do colexio Inmaculada, concelleira en Pontevedra por Unidade Galega e socia fundadora da Fundación Alexandre Bóveda. Desde 2020, o antigo CEIP Príncipe Felipe leva o seu nome…
Si, e eu entereime por un periodista do Diario de Pontevedra. Chamoume para preguntarme que me parecía que a miña nai dese nome ao Príncipe Felipe, e eu respondín que me parecía moi ben, pero que me acababa de enterar da noticia con esa chamada (risas).

A súa mirada de Pontevedra é unha mirada desde a intelectualidade?
Na miña casa había tres xeracións de mestres. A miña nai foi profesora creo que en todos os institutos, porque era PNN (profesora non numeraria). Ela dicía que era a PNN máis antiga de España, porque non a deixaron presentarse ás oposicións polos seus antecedentes políticos. Cando a deixaron xa era tarde. Pero ela fixo as oposicións a técnico da administración civil do Estado. Sendo licenciada en letras e non en Dereito, sacou a oposición. E traballou na inspección de traballo aquí, en Pontevedra. Con isto quero dicir que a miña etapa no instituto Valle Inclán está moi presente no libro e na miña familia, a través da miña nai, non só a través da miña experiencia ou mesmo dos meus irmáns.

Que recorda do Valle?
Non había outro instituto na cidade, era mixto, tiña cursos moi numerosos, eramos 60 na clase. E, sobre todo, había unha mestura social moi importante. Alí estudaba desde o fillo do delegado da Facenda, fillos de altos oficiais da Armada, a Mariña ou o Exército, ata o fillo dun canteiro de Mourente ou dun taberneiro. Empezabamos o bacherelato aos 10 anos. Recordo unhas clases maxistrais moi parecidas ás clases da universidade. Ser catedrático de instituto entón era moi importante, había moito trasvase entre a universidade e o instituto. Era xente cun alto estatus e moitos deles eran moi bos profesores. No libro conto a biografía dalgúns compañeiros e profesores.

No instituto aparece destacada a figura de Filgueira Valverde.
Está moi presente. Era a alma dese instituto. Posiblemente, a algunha xente, sobre todo da esquerda, non lle guste a súa figura. Pero son prexuízos. É verdade que Filgueira foi un franquista, situacionista, como digo eu. Pero hai que distinguir entre as súas posicións políticas, e creo que non foi un dos duros do réxime, e o seu legado no instituto, no museo e na cidade Pontevedra, que lle debe moito. Esta cidade peonil, con este casco vello tan importante, débese ás corporacións que presidiu Lores, e digo ás corporacións, non só a el. Pero tamén, dunha maneira esencial, ás posicións de Filgueira Valverde e de Sánchez Cantón, desde a comisión de monumentos. O instituto tamén é un legado de Filgueira: unha institución libre, de ensino catolizado, iso si, pero na tradición do vello instituto, de Castelao, de Bibiano Fernández de Ramón Sobrino… ese foi o meu instituto.

“Creo que o PP non vai gobernar; máis ben o desexo”

A universidade, no libro, é parte da memoria histórica.
Aparece a memoria histórica porque está o 68 compostelán. No famoso marzo do 68 está moi descrito todo o conflito do famoso peche de tres noites no edificio central da universidade. É un conflito que dura 40 días, 40 días de folga continua na universidade. Comezamos pedindo a dimisión do decano e acabamos berrando Democracia si, ditadura non.

Que lle parece a situación política actual en España?
Non me preocuparía tanto que o Partido Popular gobernase só. Non sería o que eu desexaría, pero son demócrata e creo na alternancia. Pero o que din as enquisas é que tería que gobernar necesariamente con Vox. Vox xa lle está dobrando o pulso ao PP en Valencia, nas Baleares, en Extremadura, ou en Aragón. E as cousas que está pactando son pura reacción, é o reaccionarismo, a volta atrás. Non son posicións conservadoras, son reaccionarias. Polo tanto eu confío en que o Partido Socialista sexa capaz de remontar esta situación.

Hai baróns do PSOE moi críticos con Sánchez. E vostede?
Hai moi poucos. Leguina, Paco Vázquez, Nicolás Redondo, Corcuera, César Antonio Molina, Virgilio Zapatero… Felipe González, Guerra… González non. Estivo nunha conferencia na que estaba Alfonso Guerra e non dixo nada. Pola contra, hai un documento de oitenta e tantos altos cargos do PSOE andaluz apoiando a Sánchez bajo el lema Non é Sánchez, somos nós.

Como ve a situación actual da sanidade, coa falta de profesionais como unha ameaza difícil de afrontar?
A situación paréceme preocupante. Ten moito que ver cos problemas estruturais da sanidade e ten mala solución nese sentido. Ademais, a demanda aumenta cada vez máis pola maior esperanza de vida. Logo hai outros problemas que teñen que ver co orzamento e co personal. Os orzamentos coa dereita foron claramente a menos. E logo, no problema do persoal, sobre todo o altamente cualificado, hai que recoñecer que formar un médico leva moitos anos e calculouse mal. Temos un problema de planificación.

Cal é o seu pronóstico para o 23 de xullo?
Creo que o PP non vai gobernar. Non me atrevo a dicir máis. O creo e o desexo. Pero tamén sei que, ás veces, confúndese o desexo coa realidade (máis risas).

Grazas por compartilo nas túas redes:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *