Goberno feble? Vai ser que non.

Unha frase demasiado manida, un leitmotiv permanente utilizado polas forzas de dereita e ultradereita de modo persistente é a presunta debilidade do actual goberno de coalición encabezado por Pedro Sánchez. Ese goberno ao que gustan denominar como goberno socialcomunista, aínda que non me estrañaría que pronto sumen aquilo do contubernio xudeomasónico, tan querido por aqueles que non renegan dos 40 anos de ditadura.

O caso é que debese entenderse como razoable que a cualificación da suposta debilidade atribuída a un goberno estea sustentada en feitos fehacientes que permitan avaliar a veracidade de tal afirmación. Esa cuestión é a que queremos dilucidar nestas liñas.

Publicado o 28/05/2022 no Diario de Pontevedra

Nestas últimas semanas, o chamado caso “Pegasus” foi o protagonista case exclusivo da vida política do noso país. Un asunto ben recibido por quen crían que podería ser a puntilla para derrubar a un goberno en descomposición e así o pretenderon. Con todo, ruído aparte, podemos analizar cales foron as actuacións do goberno nesas mesmas datas para unha xusta ponderacíón.

Se facemos balance das votacións parlamentarias, atopamos que na última semana de abril se convalidaron no Pleno do Congreso tres Reais Decretos Leis que atenden a cuestións de gran relevancia: o plan para facer fronte á crise provocada pola guerra de Ucraína, a de medidas de reforzo da ciberseguridade e o que atende á dignificación dos contratos dos nosos investigadores.

Ademais, tamén resultaban aprobados no Congreso o Proxecto de Lei de Telecomunicacións, o de Igualdade de Trato, o de Calidade na Arquitectura e o relatorio de Liberdade Sexual. E, na Cámara Alta, quedaba aprobada definitivamente a nova regulación do Depósito Legal.

Se nos pasamos ao primeiro pleno do mes de maio, observaremos a mesma tónica. Aprobouse o Real Decreto de sancións contra os oligarcas rusos e tres Proxectos de Lei, o de Rehabilitación Edificatoria, o de Seguridade Nacional, o de Regulación dos Precursores de Explosivos e o referido á Penalización  de Trata de Refuxiadas de Ucraína.

Nesta mesma semana aprobábanse tamén no pleno do Congreso o Proxecto de Lei Orgánica de garantía integral da liberdade sexual, o Proxecto de Lei Xeral de Comunicación Audiovisual e a Proposición de Lei Orgánica complementaria da Lei integral para a igualdade de trato e a non discriminación.

Outro criterio co cal afrontar a presunta debilidade deste goberno sería aquel que atende ao seu papel no contexto internacional, en concreto, ante as institucións europeas. E aquí atopámonos coa chamada “excepción ibérica” pelexada en Europa polos presidentes de España e Portugal. Un gran triunfo de Pedro Sánchez recoñecido internacionalmente, que permite topar o prezo do gas e, por tanto, abaratar a factura da luz. 

E, aínda que quede máis lonxe, non podemos esquecer que foi Pedro Sánchez o primeiro que falou da necesidade dun plan Marshall na Unión Europea para poder afrontar a crise sen que ninguén quede atrás. O resultado, a pesar do vergoñento papel dunha oposición que só puña paus nas rodas, son os 140.000 millóns da Unión Europea para a recuperación económica do noso país que se recibirán no período 2021-2026.

Mentres dereita e ultradereita deostan día tras día a marcha do noso país, o presidente do Foro de Davos dicíalle a Pedro Sánchez que cal é a receita do éxito da economía española. Unha economía que saíndo da pandemia atopouse cunha guerra de Ucraína, sen dúbida un freo á boa marcha de España que, a pesar de todo, será o país de maior crecemento da economía da nosa contorna e cun dinamismo do emprego,  que permitirá pechar este mes de maio cunha creación duns 37.000 empregos, marca histórica de 20 millóns de afiliados á Seguridade Social, contando con 550.000 máis que antes do inicio da pandemia e 200.00 máis que ao final de 2021, uns magníficos datos.

Por certo, cun emprego de maior calidade e soldos máis dignos en base á subida histórica do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) e á Reforma Laboral, que ademais  está a lograr un forte incremento da contratación indefinida, especialmente entre a mocidade.

Sería inxusto non mencionar outros grandes logros conseguidos por este Goberno, tal como a Lei de Eutanasia, a creación e posta en marcha do Ingreso Mínimo Vital, a subida das pensións en función do IPC, que dicir do investimento para un mellor Sistema Sanitario ou da maior partida da historia para Becas e o maior orzamento destinado a Educación e á Formación Profesional. E si, poderiamos seguir coa enumeración.

Non se entenda mal. Todo o narrado non significa unha acción fácil por parte do Goberno. Todo o contrario. E non só pola sucesión de acontecementos negativos que nos tocou vivir. A fragmentación política do arco parlamentario, a pluralidade e diversidade presentes nas cámaras supuxo un reto continuo. A resposta foi a procura continua do pacto e do acordo, un exercicio democrático do que por desgraza dereita e ultradereita excluíronse as máis das veces por meros cálculos electorais, que non polo interese do país. Pactos e acordos que en ningún caso poden entenderse como síntomas de debilidade, senón como fortaleza dun sistema democrático.

O panorama exposto creo que ben nos fala dunha acción do goberno cun nivel de éxito máis que razoable. Goberno feble? Vai ser que non.

Grazas por compartilo nas túas redes:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *