Galicia: Observatorio da Escola e Educación Rural

Luis Álvarez, portavoz de Educación do Grupo Socialista, ven de presentar, na Comisión de Educación do Parlamento de Galicia, unha petición instando á Xunta de Galicia a que constitúa o Observatorio da Escola e Educación Rural de Galicia. Álvarez chamou así a seguir o camiño marcado polos gobernos de Asturias ou de Aragón na creación deste instrumento.

Sen dúbida, o máis importante desta iniciativa é o obxectivo principal de contribuir ao desenvolvemento dun modelo educativo propio da escola rural galega. En palabras de Luis Álvarez:

Un órgano “colexiado de carácter consultivo, de asesoramento e con carácter participativo das diferentes entidades e administracións implicadas no desenvolvemento do medio rural e no sistema educativo de Galicia”. Este organismo permitiría “responder á problemática e á situación específica do medio educativo do rural desta Comunidade Autónoma”.

Entre outras cuestións, a creación deste órgano permitiría debatir e realizar propostas sobre os seguintes temas:

  • A falla de igualdade de oportunidades nos centros máis pequenos do rural.
  • Desenvolver unha planificación seria, obxectiva, que conte co necesario consenso, que forneza a oferta pública, sinaladamente no mundo rural, que dote de estabilidade ao sistema educativo e que se faga con perspectiva de país.
  • Axuste razoable de criterios para a organización e a optatividade do alumnado de Secundaria onde sexa necesario.
  • Dotar á educación do rural de recursos humanos, con formación específica do profesorado e dotando de materiais de aprendizaxe e recursos educativos a través da internet.
  • A perda de alumnos e a conseguinte redución de unidades nos centros e o peche de centros como consecuencia da crise demográfica.
  • Adaptar a oferta de formación profesional ao contexto dos centros.
  • Implementación de servizos complementarios, ampliación da cobertura dos comedores escolares, que permitan avanzar na educación alimentaria ao tempo que axudan á conciliación da vida familiar e laboral.
  • Reflexionar sobre as consecuencias de escolarizar ao alumnado en localidades diferentes á propia ao remate das etapas obrigatorias, provocando dificultades de horarios e custe económico.

Nos tempos que corren, todo intento por abrir espazos de debate e reflexión sobre o noso sistema educativo, nomeadamente sobre o sistema educativo público, merece a total consideración e apoio. Focalizar a problemática da educación no medio rural é unha necesidade imperiosa sobre a que non debera caber escatimar recursos.

Grazas por compartilo nas túas redes:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *