Galicia: Deturpando a Escola Pública
Máis de 1 de cada 10 centros públicos, o 11%, pechos pola Xunta de Galicia desde o ano 2009 en que Núñez Feijóo alcanzou a presidencia. De 1.220 centros de titularidade pública no ano 2009, último ano do goberno de Emilio Pérez Touriño, pasouse a 1.082 no ano 2020. En contraste con estas cifras, e no mesmo período de tempo, as aulas dos centros privados concertados incrementáronse en 140 unidades.
Ese é o balance real dun Presidente da Xunta de Galicia que pretende erixirse en defensor dunha escola pública e á que cada ano suprime centros e unidades, mentres, iso si, increméntanse as unidades concertadas. Durante ese período, 2009-2020, o financiamento destinado a concertos educativos subiu dos 239 millóns do ano 2009, aos 276,4 millóns de euros do pasado curso.
Se temos en conta o Índice de Prezos ao Consumo (IPC) e aplicámolo aos orzamentos da Xunta de Galicia nas partidas destinadas a investimento educativo no ensino público non universitaria e ás destinadas aos concertos educativos, veremos que mentres o investimento na rede pública caeu nun 14%, na rede concertada incrementouse nun 9,64%.
Argumento demográfico? Non parece, no 2009, cando Feijóo chegou á Xunta, había en Galicia 263.587 alumnos matriculados en centros públicos de ensinos non universitarios. No 2020 eran 284.331. É dicir, un incremento do 8%.
Deixo enláces aos dous artigos publicados no diario dixital Público que serviron de base para esta entrega e nos cales pode verse con maior profundidade as cifras que aquí se dan, así como as fontes das mesmas. A Xunta de Galicia, lamentablemente non favorece o acceso aos seus datos, tendo que recorrer a fontes externas (Ministerio de Educación, Instituto nacional de Estatística,…). Para acceder aos artigos basta con pulsar sobre as imaxes dos titulares.