Equidade e Pandemia: Solidariedade ou Egoísmo?

“Queda moito camiño por percorrer; agora enfrentámonos ao desafío das novas cepas. Esta pandemia non se acabará ata que vacunas efectivas cheguen a todas as persoas”. Esta frase pronunciada por Frederik Kristensen, director executivo adxunto da Coalición para as Innovacións en Preparación ante Epidemias (CEPI), sitúanos ante o reto que supón conxugar Pandemia con Equidade.

O anuncio publicado hoxe polo xornal EL PAÍS de que pronto se suministrarán 337 millóns de vacinas a 140 países con menos recursos, é sen dúbida unha boa nova no camiño de acabar coa plaga provocada pola COVID-19 e así achegarnos á desexada “equidade inmunitaria” ante o virus. E coincido en parte (logo explicarei por que só en parte) con Tedros Adhanom Ghebreyesus, director da OMS, que alertaba dun “fracaso moral catastrófico se non se garantía o acceso equitativo ás vacinas”.

Xa que logo, estariamos ante unha gran acción orquestada polos países ricos que, en base a súa magnanimidade, filantropía e xenerosidade, axudan aos países pobres a afrontar a terrible crise sanitaria provocada polo virus SARS-CoV-2. Pero a esta liña argumental creo que poderiamos darlle unha pensada máis e contemplar esta acción dende unha óptica máis complexa.

Pensemos por un momento que os países do primeiro mundo deixaran abandonados á súa sorte aos países do terceiro mundo no que respecta a esta pandemia. As consecuencias que se derivarían deste enfoque semellan bastante evidentes:

  • Pervivencia da pandemia no noso planeta.
  • Aparición periódica de novas mutacións.
  • Reelaboración constante de novas vacinas que poideran inmunizar contra esas novas cepas do virus.
  • Novas cepas cuxa presenza nos países desenvolvidos sería inevitable pese a calquera sistema de confinamento ou peche.
  • Unha crise sanitaria, social e económica constante e en continuo crecemento en todo o planeta.

Xa que logo, as accións que se están levando a cabo por facer accesible as vacinas aos países máis vulnerables son actuacións que conlevan un grande interese por parte dun primeiro mundo que non se pode considerar a salvo das consecuencias da pandemia ata que consigamos achegarnos á inmunidade planetaria.

Por iso, aínda que quero pensar que a Solidariedade e a Equidade, como grandes valores da nosa moral occidental, son os responsables das nosas actuacións en favor dos países menos favorecidos, non podo evitar constatar que o propio Egoísmo das sociedades ricas é motivo máis que suficiente para facelo dese modo.

“Fracaso moral catastrófico”, como dicía T. A. Ghebreyesus, sí, sen dúbida, pero sobre todo un fracaso da intelixencia, xa que só por egoísmo da poboación privilexiada dos países enriquecidos teriamos que actuar con contundencia para asegurar o acceso ás vacinas a aqueles países que por seus propios medios nunca poderían conseguilas.

Grazas por compartilo nas túas redes:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *