Educación: Cifras que dan que pensar

Dende o Ministerio de Educación dábase conta hai un par de días dos datos que se desprendían da Enquisa de Poboación Activa (EPA) referidos á marcha do noso sistema educativo. Os titulares que se poden destacar da información ofrecida son os seguintes:

  • A Tasa de Abandono Temperán baixou, do 28,2% do ano 2010, ao 16% do ano 2020, co cal quedamos a un punto do obxectivo fixado pola Unión Europea (UE) que era do 15%. A media da UE está no 10,2%.
  • O Indicador de Educación Superior subiu, do 42% do ano 2010, ao 44,8% do ano 2020. Neste período sempre estivemos por riba da media da UE que, no ano 2020, é do 40,3%. Non son palabras valeiras a afirmación de que contamos coas xeneracións mellor preparadas da nosa historia.

Unha primeira lectura deses titulares ofrece unha evolución positiva do noso Sistema Educativo. Unha baixada de 12,2 puntos en Abandono Temperán nos últimos dez anos e, no mesmo período, un incremento sostido do Indicador de Educación Superior de 2,8 puntos, destacando que neste parámetro sempre superamos a media europea.

Sen embargo, a reflexión non pode quedar ahí. Necesitamos realizar unha análise máis fonda dos datos, e dende unha perspectiva crítica, se o que queremos é obter unha visión máis realista da situación da ensinanza no noso país.

Así, respecto do Abandono Temperán, convén sinalar os seguintes puntos:

  • Pese a innegable evolución positiva, non conseguimos acadar a cifra do 15%, obxectivo que nos marcaba a UE. Ademais, e o máis preocupante, todavía estamos lonxe de acadar a media europea, o que suporía reducir en case 5 puntos a nosa tasa actual.
  • As abultadas diferenzas que se constatan entre as distintas Comunidades Autónomas (CCAA) que van dende o 6,5% do País Vasco ao 25,5% de Andalucía. Diferenzas que sen dúbida se corresponden coa intrahistoria do noso país ao longo dos séculos, pero que require de actuacións decididas para afrontalas.
  • As diferenzas que tamén se constatan por razón de xénero, sendo a Tasa de Abandono dos homes dun 20,2% fronte ao 11,6% das mulleres.
  • As cifras da enquisa non nos permiten afirmar se estamos ante unha evolución positiva debido á calidade do noso Sistema Educativo ou se, pola contra, son outros factores de tipo social, económico, ou mesmo provocados pola pandemia, os que provocan que mozos e mozas permanezan máis anos nos centros.

E con respecto do Indicador de Educación Superior:

  • Sendo certo que somo líderes na UE en canto a porcentaxe de poboación con Estudos Superiores, habería que ver se as titulacións ofertadas polo noso Sistema Universitario se corresponden con aquelas que demanda a sociedade actual, ou ben se sería necesario unha posta ao día das mesmas.
  • Tamén cabe sinalar a grande diferencia porcentual segundo o xénero, os homes acadan unha tasa do 38,7% e as mulleres do 50,9%.

Sen dúbida os especialistas educativos terán que investigar con análises rigorosos nas causas profundas das cifras que acabamos de ver. Namentras, deixo aquí as gráficas relativas aos puntos referidos nesta entrega, así como o enlace ao conxunto completo de datos:

Grazas por compartilo nas túas redes:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *