É a ideoloxía, estúpido!
Foron Ronald Reagan e Margaret Thatcher os mandatarios que na década dos 80 expandiron urbi et orbi as políticas neoliberais. Daquela comezou un proceso de debilitamento dos servizos públicos esenciais que acadou a súa cota máis alta coa crise financieira do ano 2008, cando a esas políticas neoliberais se lle engadiron as políticas de austeridade que tanto dano causaron aos países e aos sectores máis vulnerables da sociedade.
Namentres, expandíase a mensaxe de que falar de ideoloxías, falar de dereitas e esquerdas, era un asunto xa superado que non servía nin para explicar o mundo no que vivimos, nin para proxectar políticas de futuro que transformen a sociedade. Un mantra falaz inoculado na sociedade por todas as canles posibles de comunicación.
Ao mesmo tempo, o neoliberalismo da austeridade colocaba como valor máximo do sistema a “eficiencia” en troques da“equidade”. De este modo, en nome da “eficiencia”, se producían políticas de recortes masivos no gasto social, nos servizos públicos esenciais, clavando un estoque de morte ao Estado do Benestar moldeado en Europa, con distintos matices e velocidades, dende a postguerra.
A pandemia foi quen de multiplicar os efectos da aplicación das reglas da ideoloxía neoliberal e deixou ao descuberto as tráxicas consecuencias nas nosas vidas. De súpeto todos poidemos contemplar a debilidade dun Estado carente da musculatura necesaria para poder afrontar os retos sanitarios, educativos, económicos e sociais que se lle viñan encima e así poder dar a debida resposta, especialmente aos sectores sociais que máis o necesitaban.
Os férreos defensores do neoliberalismo pretenden argumentar que estamos a falar de erros do sistema que, unha vez analizados, poderán ser corrixidos, pero nada máis falaz. Precisamente, un Estado débil é o principal efecto pretendido polos partidarios desta ideoloxía. E os resultados están ben á vista.
No noso país ben sabemos do que estamos a falar. A resposta á crise financieira implementada polo presidente Mariano Rajoy durante os anos de goberno do Partido Popular (2011-2018), foi un exemplo de libro da ideoloxía neoliberal coa máxima da austeridade. Por certo, políticas que antes xa foran experimentadas polos gobernos do Partido Popular en Madrid e Galicia, en especial no que atinxe á privatización dos sectores públicos.
Así, en plena pandemia, atopámonos cun Sistema Sanitario Público falto de plazas hospitalarias, carente de recursos básicos e cunha fonda merma de profesionais. O mesmo cabe dicir se falamos de políticas educativas, de residencias de anciáns ou de políticas sociais e de protección aos traballadores. Por certo, políticas que amosaron a falacia da suposta “eficiencia” dun sistema que, tomando como exemplo a sanidade, amosou o tremendo custe que supón o abandono e a non-inversión en saúde. Se algo quedou ben claro e que non hai nada peor para a economía dun país que abandonar a inversión en saúde pública.
Afortunadamente, a crise provocada polo coronavirus, colleu ao noso país cun cambio de goberno e, xa que logo, cun cambio da ideoloxía dominante. Esta cuestión permitiu promover un fondo cambio nas liñas de actuación políticas, volvendo a colocar a “equidade” no cumio dos valores e a reconstrucción do Estado do Benestar como prioridade. Algo que quedou reflectido no lema repetido unha e outra vez dende o goberno de Pedro Sánchez: “que ninguén se quede atrás”.
Unha actuación que non quedou reducida ao ámbito estatal, senón que provocou unha exitosa loita ante a Unión Europea para que mudara as políticas da austeridade e dos recortes, que tanto mal causaron, por políticas de maior solidariedade financieira.
Todos recordamos a frase que James Carville, estratega de Bill Clinton na campaña de 1992 na que accedeu a presidencia de Estados Unidos, convertiu en lema oficioso daquela exitosa operación: “the economy, stupid”. Frase logo popularizada como “É a economía, estúpido”.
No momento actual, case tres décadas despois, a crise provocada polo virus SARS-CoV-2, a desgarradora pandemia que asola ao planeta, determina a necesaria corrección que debe realizarse a dita frase. A resposta ás preguntas acerca de qué nos está a pasar e por qué nos está a pasar só pode ser unha:
“É a ideoloxía, estúpido”.