SMI, algo máis que unha simple subida

A recente subida do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) aprobada no Consello de Ministros o pasado martes constitúe sen dúbida unha excelente noticia. Unha subida que permite alcanzar os 1.000 euros mensuais e que cobra un maior valor se analizamos o histórico de subidas do SMI nos últimos anos.

Así, desde o ano 2012 ao 2018, sete anos do goberno de Mariano Rajoy, o SMI pasaba dos 641 aos 736 euros/mes, un incremento do 14,8%. En contraste, o compromiso e o esforzo económico realizado polo actual goberno, en plena crise pandémica, supuxo tan só en catro anos, 2019-2022, un incremento do 35,8%, desde os 736 aos 1.000 euros/mes.

Publicado no Diario de Pontevedra, 24-febreiro-2022

Dito doutro xeito, en sete anos o goberno neoliberal do Partido Popular subiu o SMI en 95 euros, un incremento que o actual Goberno nun prazo de só catro anos case multiplicou por tres, subindo o SMI en 264 euros. Unha diferenza ben estimable.

Pero sendo esta subida un importante feito obxectivo, non o é menos o derrubar, negro sobre branco, un mito fortemente instalado pola dereita económica. Refírome á afirmación de que a subida do SMI provocaría indefectiblemente un incremento significativo do número de persoas en paro. A realidade é que o mantemento e crecemento dos niveis de emprego non implican manter salarios por baixo do limiar da pobreza. Os datos están aí para quen queira velos e acreditan que a subida do SMI non tivo efectos negativos sobre o emprego e, beneficiando a un alto número de persoas, mellora a cohesión social.

Segundo un recente informe elaborado por CCOO , a subida do SMI a 1.000 euros beneficiará a 1.809.000 persoas asalariadas, dos cales  1.518.000 traballan a tempo completo. Pois ben, destes últimos, o 55% son mulleres, o cal implica que esta medida servirá tamén para reducir a fenda dixital de xénero. Os máis novos tamén están entre os máis beneficiados pola subida, así como quen traballa no sector agrícola.

Segundo o estudo citado, máis de 2,2 millóns de persoas beneficiaranse nalgún momento do ano da subida do SMI. Se falamos de Galicia, esta cifra alcanza as 103.540 persoas, distribuídas por provincias do seguinte modo: A Coruña, 38.480; Lugo, 17.100; Ourense, 18.580 e Pontevedra, 29.380.

O compromiso do actual Goberno con respecto ao SMI nace de as directrices establecidas polas institucións europeas que, non tendo competencias sobre os niveis salariais dos traballadores, si concretou as seguintes recomendacións:

  • O artigo 4 da Carta Social Europea recoñece o dereito dos traballadores e traballadoras a unha remuneración suficiente que lles proporcione a eles e ás súas familias un nivel de vida decoroso.
  • Ademais, o Comité de Dereitos Sociais do Consello de Europa propuxo unha definición segundo a cal un salario decoroso supón, polo menos, o 60 % do salario medio neto.

E de aí o compromiso do actual Goberno de alcanzar nesta lexislatura o 60% do salario medio que se cobra en España. Un obxectivo que figura no acordo subscrito entre o PSOE e Unidas Podemos, e que constitúe un importante e necesario instrumento para incrementar o grao de equidad da sociedade e a xustiza social.

Grazas por compartilo nas túas redes:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *