Bah!, total mil millóns de nada

No consello de ministros do pasado martes, aprobábase a maior partida de Bolsas e Axudas da historia para os nosos estudantes. Unha cantidade, 2.520 millóns, que supera en mil millóns a última partida do goberno do Partido Popular con Rajoy á fronte e que beneficiará a máis dun millón de estudantes.

Mil millóns de euros é tamén a cantidade que o ministerio de Sanidade destinou, nos anos 2022 e 2023, ao financiamento da Atención Primaria, unha das debilidades principais que afecta hoxe ao noso Sistema Nacional de Saúde.

Diario de Pontevedra, 23-02-2023

Dúas noticias que debesen acaparar grandes titulares e recoñecemento, pero que o ruído instalado na política cotiá fai desaparecer do debate público cunha facilidade abraiante. E, por suposto, unhas cantidades que se incardinan nuns orzamentos que nestas áreas, sanidade e educación públicas, reflicten as maiores partidas da historia.

Sanidade e Educación, como servizos esenciais que deben manter o seu carácter de públicos, universais, inclusivos e gratuítos, demostraron na pandemia o que significaron as políticas de austeridade que, baseadas nas teorías neoliberais, aplicáronse de forma intensa no noso país durante a anterior crise.

Vivimos nunha sociedade na que parecese que non existe o pasado, nin sequera o pasado recente, e vívese a golpe do último titular. Sen dúbida non son poucos aos que interesa que se impoña esa forma de instalarse no mundo, pero rebelarse contra esa visión é imprescindible nunha sociedade que aposte polo seu futuro. Por tanto, é o noso deber lembrar e contrastar.

Así, non debésemos esquecernos do copago farmacéutico implantado polo goberno de Rajoy que provocaban que os sectores máis vulnerables tivesen que renunciar a uns medicamentos que non podían permitirse o luxo de pagar. E si falamos de Feijóo, lembremos como na súa xestión sanitaria como presidente da Xunta de Galicia recortou 1.000 millóns na sanidade pública, cargouse 1.300 prazas de profesionais e suprimiu 900 camas.

Tampouco esquezamos unhas subidas das matrículas e dos recortes en bolsas en plena crise, por decisión do ministro Wert, que provocou que 120.000 dos nosos mozos tivesen que abandonar o seu soño universitario por non poder permitirse as súas familias afrontar o gasto que supuña o manter aos seus fillos na universidade.

Talvez deste xeito, lembrando e contrastando, mil millóns máis para a Atención Primaria, mil millóns máis para Bolsas e Axudas, non queden envolvidos entre páxinas, faladoiros ou tuits, superen o instante temporal dun titular e cobren o valor real que supoñen estas cifras na recuperación e mellora do noso Estado do Benestar. En especial no que supoñen para a redución efectiva dos niveis de desigualdade no noso país, que tamén existen en materia de saúde, e en que o despregamento do talento da nosa mocidade non dependa do valor en Bolsa do seu berce.

Nota: No Diario de Pontevedra aparece que Feijóo “recortou 10.000 millóns na sanidade pública” cando a cifra real son 1.000 millóns. Un erro cometido por min e non polo periódico, cuestión que quero deixar clara. Unha cifra, mil millóns, aludida no título, pero na que se escapou un cero de máis e unha revisión de menos.

Grazas por compartilo nas túas redes:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *