Ayuso, Cuca, Feijóo: Bolsas para ricos, Equidade a 100.000 euros

No Madrid das liberdades de Díaz Ayuso gábanse, como acto de xustiza social, de conceder bolsas para asistir a centros privados de educación a aquelas familias cuxo salario anual alcance os 107.739 euros (caso de ter un único fillo), o que significa un salario mensual para cada membro da parella de 3.848 euros ao mes. Unha cantidade que se incrementa segundo o número de fillos até alcanzar os 179.565 euros.

Nese modelo de sociedade da opulencia, tamén defendido por Cuca Gamarra, portavoz do Congreso do Partido Popular, resulta que, para eles, eses máis de 100.000 euros son a cantidade que cobran as clases medias deste país. Así o dixo sen reparos a propia Ayuso, contando co aplauso e a aprobación de Gamarra: estas bolsas son para familias con “rendas medias”.

Publicado no Diario de Pontevedra o día 13/07/2022

Non creo necesario lembrar que falamos de bolsas para aquelas familias que deciden levar aos seus fillos a centros educativos privados, centros aos que, como todos sabemos e permítanme a ironía, adoitan levar os seus fillos as familias socioeconómicamente máis vulnerables. Pero esa é a liberdade de elección de centro da que alardea o Partido Popular.

Teriamos que preguntarnos como casa esta singular política de bolsas coas palabras do presidente do Partido Popular, Núñez Feijóo, cando di que o PP en Españas débese “ás rendas máis baixas, as rendas máis débiles e as rendas máis modestas”. Cando Feijóo fala de rendas baixas, débiles e modestas, refírese a rendas anuais de máis de 100.000 euros?

As bolsas perden todo o seu sentido se non cumpren coa súa función, coa súa razón de ser, que non é outra que perseguir a equidade, actuar en clave de compensación para quen máis o poida necesitar e así permitirlle alcanzar o seu pleno desenvolvemento, independentemente da súa condición socioeconómica. O despropósito da decisión de Ayuso non fai outra cousa que deturpar e corromper o papel das bolsas no noso país, pasando a beneficiar a aqueles que polas súas condicións de vida en ningún caso necesitan desa axuda para custear os estudos dos seus fillos.

Fago miñas as palabras de Pedro Sánchez cando afirma que axudas para rendas tan altas como as que formula Madrid supoñen “retorcer e violentar o propio significado da política pública de redistribución da renda e de impulso ás políticas de igualdade en xeracións que non teñen niveis de renda para estudar o que eles consideren e expandir todas as súas potencialidades”.

No recente informe de UNICEF, “A Axenda 2030 en clave de Infancia na Comunidade de Madrid”, sinálase que un 48% dos nenos da Comunidade de Madrid viven en fogares con dificultades para chegar a final de mes e un 8,7% dos fogares madrileños sofren pobreza material severa. Uns datos que debesen facer reflexionar a Díaz Ayuso, pero especialmente a quen, como o presidente do Partido Popular, Núñez Feijóo, aplauden sen rubor estas actuacións.

Detrás dos aplausos de Núñez Feijóo e de Cuca Gamarra está a definición dun modelo que sen dúbida é o que pretenderán aplicar ao conxunto do país se algún día alcanzan o Goberno. O conselleiro de Presidencia da Comunidade de Madrid, Enrique López, dixo que estar en contra desta medida de Ayuso débese a “prexuízos ideolóxicos”. Non se enganen, estas políticas responden os principios ideolóxicos da dereita deste país, dar máis aos que máis teñen, debilitar o modelo de Estado do Benestar e incrementar a privatización dos servizos públicos esenciais.

“Dirixímonos, aínda con maior intensidade, a unha profundísima crise económica”, dixo recentemente Feijóo. Pois ben, xa sabemos cal é a receita que quere impor a esta España de “rendas baixas, débiles e modestas”: Bolsas para ricos. Equidade a 100.000 euros.

Grazas por compartilo nas túas redes:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *