«A vitamina roxa* salvou a miña vida»

Narra o neurólogo e prolífico escritor Oliver Sacks, no seu delicioso libro “Todo no seu sitio”, que unha das súas pacientes, Theresa, afectada dunha sorte de demencia senil puido recuperarse deste cadro clínico grazas á prescrición de suficientes doses de vitamina B12 que lle fixeron corrixir a anemia perniciosa que padecía e así reverter a súa demencia.

A vitamina B12, ou cianocobalamina, é unha vitamina hidrosoluble do grupo B, de cor vermella, presente especialmente no fígado, o cal nos fai lembrar cando se recetaban inxeccións de fígado para combater a anemia ou o famoso aceite de fígado de bacallau que tanto se recetaba na infancia. A min non me tocou someterme á tortura do mal sabor dese aceite, pero si lembro ter que tomar bastantes filetes de fígado “porque di o médico que é moi bo para crecer san e forte”, frase das nais contra a que era imposible resistirse.

Pois ben, volvendo a Theresa , esta anciá, despois de seis meses de inxeccións semanais de B12, conseguiu recuperarse por completo aos seus 95 anos e levar unha vida normal na súa casa. Así pois, non é estraño que Theresa afirmase:

A vitamina roxa* salvou a miña vida.

Pois ben, permitídeme, en fácil exercicio de funambulismo, que do mesmo xeito que a Theresa a B12 salvoulle a vida, tamén á sociedade na que vivimos convenlle a prescripción de fortes doses de «vitamina roxa*» que, en política, non é outra cousa que a vitamina da igualdade, da xustiza, da solidariedade, da fraternidade.

Lembremos esta frase de António Guterres, secretario xeral de Nacións Unidas, con motivo da presentación do Informe sobre Desigualdade publicado por Oxfam en xaneiro deste ano:

Existe o mito de que todos estamos no mesmo barco. Pois aínda que todos flotamos no mesmo mar, está claro que algúns navegan en súper iates mentres outros se aferran a refugallos flotantes.

Repasemos este artigo de Pergiorgio M. Sandri, publicado na Vangarda con data 25 de xaneiro de 2021, titulado “A desigualdade crece en España pola covid con 800.000 novos pobres” (ver aquí), onde podemos ler parágrafos como estes:

A brecha da desigualdade tamén se agrava en España. Esta crise incrementaría a taxa de pobreza severa (persoas con ingresos inferiores ao 40% da renda mediana, é dicir, con menos de 5.826 euros ao ano ou 16 euros ao día) desde o 9,2% precovid até o 10,86% da poboación, con case 790.000 persoas adicionais que agora viven por baixo deste limiar de subsistencia, elevando o total de persoas até os 5,1 millóns.

No outro fronte, os milmillonarios españois, desde que se declarou a pandemia en marzo incrementaron a súa riqueza nuns 26.500 millóns de euros, unha cifra que é superior ao custo dunha das principais ferramentas de contención da pandemia: os ERTE.

Noutro artigo duns meses atrás, concretamente do 16 de novembro de 2020, titulado “A desigualdade en España escala até niveis máximos e golpea a mozos e migrantes” (ver aquí), Claudi Pérez escribe o seguinte:

España é unha rareza en termos de paro, e vai camiño de selo en desigualdade: a pandemia ten un impacto formidable na distribución da renda, mitigado só en parte polo activismo do Estado. Os primeiros datos dispoñibles son dignos dun anuncio de pompas fúnebres. 

A desigualdade é corrosiva: podrece ás sociedades desde dentro, e explica —en parte: as ciencias sociais non son como a física newtoniana— fenómenos recentes tan dispares como o Brexit, o trumpismo e, en xeral, a enorme desafección política que percorre o espinazo de Occidente.

Dúas frases que quero destacar deste último artigo: “mitigado só en parte polo activismo do Estado” e “enorme desafección política”. Dúas frases relacionadas directamente cunha das miñas últimas entregas no blog e que convido a ler ao que non o fixera aínda: «Desafección Política e Deterioro Democrática: Cui prodest?» (ver aquí).

*roxa: A verba “vermella”, que sería a verba axeitada, ou a súa forma masculina “vermello”, non conta en galego coa acepción política que conta en español a verba “rojo”, referido a persoas ou políticas de esquerda, razón pola cal preferín usar o termo de “vitamina roxa”, ao igual que se tende a falar dos “roxos” en termos políticos.

Grazas por compartilo nas túas redes:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *