Impostos e Cisnes Negros
Corría o ano 1697 cando, navegando por un río do suroeste de Australia Occidental, Willem de Vlamingh, capitán holandés, convertíase posiblemente no primeiro europeo en avistar un grupo de cisnes negros. Cando colonos ingleses, de volta de Australia, trouxeron a Europa uns exemplares desa nova especie de cisnes (Cygnus atratus), houbo unha gran conmoción nunha sociedade que, até entón, xuraría que todos os cisnes eran brancos.
Hai uns anos, o escritor libanés, Nassim Nicholas Taleb, publicou o libro titulado «O Cisne Negro: O impacto do altamente improbable». Con ese título, o autor fai referencia a ese momento en que a firme crenza que se tiña de que todos os cisnes eran brancos derrubouse en canto a exploración do continente australiano certificou a existencia de cisnes negros.
Desa forma, o concepto «Cisne Negro» sérvelle ao autor para indicarnos que, do feito de que algo non sucedese nunca, non podemos deducir que non vaia acontecer nun futuro próximo ou afastado. E, ademais, alértanos das repercusións que a aparición de tales feitos «altamente improbables» poidan ter nas nosas vidas.
Dito doutro xeito, Nassim Taleb advírtenos do inapropiado que poden resultar decisións que non contemplen a incerteza, o risco que significaría a posta en escena dun “Cisne Negro” dando ao traste con todas as expectativas previstas.
Vén isto a conta dunhas declaracións realizadas hai poucos días polo Presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, solicitando do novo goberno que poida saír das Cortes unha baixada de impostos «para todos, xeneralizada». Ademais, sinalaba a necesidade dun modelo que «reduza e simplifique o sistema fiscal, tanto en número de tributos como en presión, tanto a cidadáns como a empresas».
Se tivésemos que presentar un caso de «Cisne Negro» acaecido nos últimos anos, a pandemia que a nivel planetario provocou a COVID-19 sería sen dúbida o mellor exemplo que poderiamos atopar. Un acontecemento que significou un impacto brutal nas nosas vidas, que afectou o conxunto do planeta e que demostrou o pouco preparados que estabamos para facer fronte a ese tipo de «impactos do altamente improbable».
Pois ben, se algo nos demostrou ese «Cisne Negro» foi a necesidade de contar cun modelo de Estado de Benestar fortalecido, que poida dar unha resposta razoable ás necesidades creadas pola chegada dun «Cisne Negro», que permita construír as nosas vidas cotiás e, ao mesmo tempo, teña presente o risco latente da incerteza.
Así pois, dispor de gobernos que conten cuns servizos públicos esenciais (educación, sanidade, servizos sociais) vigorosos e robustos, así como cos recursos suficientes para poder protexer á cidadanía, de forma especial aos máis vulnerables, non resulta unha cuestión baladí senón unha esixencia que nos debese parecer obvia para todos os efectos.
É por iso que non podo entender o que, para min, supoñen unhas declaracións dotadas dun alto grao de frivolidade. Baixar de forma xeneralizada os impostos, como pretende o presidente da CEG, só pode dar pé a debilitar o noso Estado de Benestar.
Por certo, un Estado de Benestar aínda exangüe tras anos de recortes e de aplicación dunhas políticas neoliberais que minguaron excesivamente a súa solidez. As políticas impositivas deben permitir proceder á súa reconstrución e dotalo da resiliencia necesaria para facer fronte a novos embates. O problema non está nas achegas á «cousa común» a través de impostos, senón na redistribución da riqueza a través de políticas fiscais xustas e equilibradas.
Polo tanto, se queremos contar cun Estado que dispoña de marxes de actuación que permitan facer fronte ás nosas necesidades actuais e que tamén conten co músculo necesario para afrontar a previsible aparición de novos «Cisnes Negros», a resposta non pode ser a dada polo representante empresarial, senón o de pornos como obxectivo traballar para contar cun sistema tributario xusto, progresivo e responsable, baseado nunha correcta e equitativa distribución das cargas fiscais de forma que acheguen máis á sociedade aqueles que máis posibilidades teñan de facelo en función da súa situación económica, xa falemos de persoas, xa falemos de empresas.
Que pensar cando nas noticias sobre economía lemos que «as empresas do Ibex disparan un 35% a súa facturación en 2022, cos beneficios en máximos», que «a banca segue de récord: gana case 12.400 millóns no que vai de ano, un 20% máis» ou que «o 1% da poboación española acumula o 23,1% da riqueza total do país»?
De verdade que a alguén lle pode parecer xusto unha baixada xeneralizada de impostos? Unha baixada urbi et orbi? Vai ser que non.