Tina Turner: a propósito da guerra

Tina Turner

Hai poucos días, recibiamos a triste noticia do falecemento de Tina Turner. A súa dimensión como cantante está fóra de toda dúbida e os seus éxitos son sobradamente coñecidos. Tamén a súa capacidade para que moitas das súas versións alcanzasen cotas de popularidade por encima do éxito logrado polas gravacións orixinais. A popular «Proud Mary», de Creedence Clearwater Revival, escrita polo seu líder John Fogerty, é un bo exemplo.

Con todo, non é tan coñecida a súa faceta como persoa comprometida coas súas ideas. Non debe causar estrañeza, as súas actuacións neste campo sempre foron prudentes e discretas, por exemplo o seu apoio á candidatura de Obama. Por iso querería traer ao recordo a súa actuación en Nova York do 27 de setembro de 1972, como cabeza de cartel do concerto que tivo lugar no icónico Madison Square Garden.

Shirley MacLaine

O concerto foi organizado pola actriz Shirley Maclaine como apoio á campaña do senador demócrata McGovern que, a esas alturas, quedouse sen fondos para continuar a súa campaña contra o seu opoñente, o republicano Richard Nixon. Un Nixon que, gañador finalmente desas eleccións, acabaría dimitindo ao cabo de dous anos a causa do escándalo Watergate, o roubo de documentos da sede do Partido Demócrata.

Certamente non foi o único concerto de apoio á campaña de McGovern, houbo todo un gran movemento do mundo cultural, especialmente do musical, en apoio do candidato republicano e dunha candidatura que se consideraba de esquerdas.

George Stanley McGovern, senador por Dakota do Sur, comprometíase no seu programa electoral a finalizar a participación dos Estados Unidos na guerra de Vietnam. Esa medida sumábase a outras de corte progresista como, a modo de exemplo, programas para combater a pobreza ou recoñecer os dereitos civís.

Diario de Pontevedra, 28/05/2023

O concerto, no que só podían actuar cantantes femininas, denominouse «Star-Spangled Women for McGovern-Shriver», organizouse en dez días, asistiron preto de 20.000 persoas e recadaron 1,3 millóns de dólares (cifra actualizada ao día de hoxe). A resposta das “estrelas” á convocatoria realizada por Shirley Maclaine foi abafadora.

Tina Turner estaba de xira con Ike Turner –do que se separaría poucos anos despois-, pero foi soa ao concerto acompañada de The Ikettes. O concerto abriuse co himno feminista “I an woman”, cantado por Helen Ready, e pechouno, despois de interpretar varios dos seus grandes éxitos, Tina Turner acompañada por Gloria Steinem, icona feminista estadounidense, Rose Kennedy, a nai de J.F. Kennedy e Mary Travers, famosa cantante norteamericana. A canción elixida para ese final foi a coñecida “America the Beautiful”. E, ao acabar, Tina marchouse rapidamente para cumprir co concerto programado da súa xira.

Comillas
Autor de la cita

«Lembro a noite das eleccións de 1972 como a peor noite na política estadounidense da miña vida. Aquí estaba esta crúa elección entre a guerra e a paz, a verdade e as mentiras, e o pobo estadounidense apresurouse a abrazar a guerra e as mentiras»

Jon Wiener, historiador.

Como todos sabemos, as eleccións gañaríaas un Richard Nixon que tratou por todos os medios –ademais do sinalado Watergate- de minar a campaña do seu opoñente anunciando unha retirada de Vietnam das tropas americanas, algo que MacGovern cualificou acertadamente de trama enganosa. Seis semanas despois de gañar as eleccións, Nixon ordenaba o bombardeo de Hanoi.

O historiador estadounidense Jon Wiener diría: «Lembro a noite das eleccións de 1972 como a peor noite na política estadounidense da miña vida. Aquí estaba esta crúa elección entre a guerra e a paz, a verdade e as mentiras, e o pobo estadounidense apresurouse a abrazar a guerra e as mentiras».

Grazas por compartilo nas túas redes:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *