Estariamos mortos (que pacientes temos na mesa?)
A pregunta non é baladí, que paciente temos na mesa?, e a resposta non pode ser máis clara: o paciente somos cada un de nós e do tratamento administrado dependerá que sigamos ou non con vida.
Esta reflexión xorde da relectura dunha entrevista realizada a Emilio Ontiveros en maio de 2020. Nela, o economista e presidente de Analistas Financeiros Internacionais afirmaba o seguinte:
“A crise está a pór de manifesto que sen o papel das institucións públicas do Estado estariamos mortos”
Excepto os “terraplanistas”, os abonados ao “negacionismo político” por conveniencia e porque si, non creo que ninguén poña en dúbida o papel fundamental que o Estado, a través das súas institucións. asumiu e asume na actual crise da COVID-19. Pero coa mesma convicción creo que, fóra dos xa mencionados, todos recoñeceremos que, lamentablemente, a pandemia permitiunos ver as costuras duns servizos esenciais (sanidade, educación, protección social,…) debilitados á conta duns severos recortes producidos por un goberno de Mariano Rajoy que, coa crise do 2011 como escusa, impulsou o modelo neoliberal no noso país en contraposición ao modelo do Estado do Benestar.
O máis lamentable é que, unha vez comprobado de forma fehaciente as consecuencias da aposta neoliberal, o defenestrado líder do Partido Popular, Pablo Casado, seguía insistindo nese modelo, reclamando maiores recortes nos servizos públicos coas súas continuas propostas de seguir baixando impostos. Un Pablo Casado que pregoaba a viva voz:
“Imos presentar unha baixada de impostos de 10.000 millóns”
Baixadas de impostos que lamentablemente xamais benefician aos sectores máis vulnerables nin ás clases medias, pero que si ocasionan unha gran diminución das arcas públicas e, por tanto, unha deterioración dos servizos públicos esenciais, deses servizos públicos aos que todos acudimos excepto aqueles que se poden permitir o luxo de recorrer sempre a institucións privadas, moitas das cales tamén se aproveitan de achegas de diñeiro público.
E sobre esta cuestión tamén reflexionaba Emilio Ontiveros. E o seu aserto non ten desperdicio:
“O que non ten sentido é que algúns políticos falen de baixada de impostos. É non saber que paciente temos encima da mesa”
E esa é a clave da cuestión, non saber -máis ben non querer saber- que paciente temos na mesa. Porque o paciente, haberá que repetilo unha e outra vez, somos todos e cada un de nós. Todos e cada un dos que cotidianamente somos usuarios das distintas institucións públicas: sanidade pública, educación pública, ingreso mínimo vital, pensións, e servizos sociais, entre outras.
Unha frase referida aos impostos e que sempre aparece en boca de quen atacan o modelo de Estado do Estado do Benestar é a seguinte:
“O diñeiro está mellor no peto dos cidadáns”
Nada mellor que a resposta que a esta frase, nunha recente entrevista, daba o presidente do Comité Experto da Reforma Fiscal, Jesús Ruiz-Huerta:
“Paréceme lamentable. Sobre todo, que o diga un cargo público. Se realmente cre que o diñeiro está mellor nos petos dos cidadáns, que se vaia”
Defender que o diñeiro está mellor no peto dos cidadáns é esquecer os grandes esforzos que supuxo, despois das dúas grandes guerras mundiais, a consolidación dun Estado do Benestar que tiña como condición dotar ao conxunto da cidadanía dun manto protector en todo o que se refire aos servizos esenciais, constituíndo ademais unha condición indispensable para avanzar en equidade e igualdade través do incremento e consolidación dunha ampla clase media cunhas condicións de vida dignas e confortables. A educación pública é un claro exemplo, así como a protección á clase traballadora a través dos seguros do paro ou de enfermidade, o salario mínimo ou a universalización das pensións.
Tamén unha sanidade que, agora si coa pandemia, puidemos ver como nun estado de gran debilidade tiña que dar resposta á maior crise sanitaria da historia moderna. Unha pandemia que plasmou de forma evidente a falsa dicotomía entre defender a saúde ou defender a economía. Antón Costa, actual Presidente do Consello Económico e Social, expresábao así:
“Ambos son obxectivos desexables, pero a prioridade é a saúde. É o motor de arranque da economía. A primeira lección desta pandemia é, por tanto, que os custos da Non-Saúde son inasumibles”
Así pois, que da terrible situación provocada pola pandemia, e agora agravada polo drama da guerra en Ucraína , reafirmemos como sociedade, e con forte e sólida convicción, a necesidade de fortalecer os alicerces básicos dun modelo de Estado do Benestar baseado, iso si, en políticas fiscais xustas, distributivas, eficaces e eficientes.