Unha pregunta moi «cuca»

No Pleno do pasado mércores, a portavoz do Partido Popular, Cuca Gamarra, facíalle ao Presidente do Goberno, Pedro Sánchez, a seguinte pregunta: decatouse de cales son as necesidades reais dos españois?

Unha pregunta en liña co pertinaz discurso que estes días nos está regalando o seu líder, Núñez Feijóo. E unha pregunta realizada ao día seguinte de anunciar a bancada popular a súa oposición ao gravame proposto polo goberno ás grandes empresas enerxéticas e á banca.

Diario de Pontevedra, 17-09-2022

Unha pregunta coa que inutilmente trataba de tapar o bochorno que supón que quede transparente a política que faría o Partido Popular se lle tocara xestionar esta crise. Porque, do mesmo xeito que pasou na crise anterior, os populares mostraron o seu aliñamento cos poderosos ao votar en contra dun gravame que o que pretende é que aqueles que están a obter beneficios extraordinarios, e non poucos, desta crise poidan arrimar o ombreiro e devolver á sociedade unha parte dos mesmos.

Estamos a falar dun gravame que afecta a aquelas entidades financeiras que ingresasen en 2019 por intereses e comisións polo menos 800 millóns de euros, e ás enerxéticas que facturasen máis de 1.000 millóns de euros anuais. Un gravame co que se busca recadar 3.500 millóns de euros e que contará con garantías para que as empresas non o poidan repercutir nos usuarios, xo pena de caer nunha infracción grave que lles obrigaría a devolver o 150% do importe repercutido.

Un gravame co que se pretende unha repartición máis solidaria das cargas. Dito de modo máis coloquial, o que se lle pide a esas empresas é un investimento solidario co país que lles dá de comer. Por certo, unha medida coherente co que estas entidades gustan de publicitar cando falan de responsabilidade social corporativa.

Un gravame de carácter temporal que se aplicará durante os dous próximos anos, respectuoso co marco constitucional e en liña co que se está facendo no marco da Unión Europea, tamén por parte de gobernos conservadores e liberais. Debera constituír un orgullo de país observar que o noso goberno sexa o primeiro en defender liñas de acción que hoxe son causa común en Europa, mágoa que o Partido Popular sexa a ovella negra, a excepción, mesmo entre partidos do seu mesmo espectro ideolóxico.

Dicía a señora Gamarra que o Goberno dispuña de 22.000 millóns de ingresos a maiores que debese pór a disposición dos españois. Iso si, esquecéuselle dicir que serán 30.000 os millóns que este goberno vai transferir este ano en recursos públicos para protexer á maioría social deste país.

Dicía a señora Gamarra que por que o Goberno non puña en marcha medidas que propón o Partido Popular. Esquecéuselle dicir que cando hai algunha medida coincidente tamén votan que non. Porque a orde de Feijóo é votar por sistema que non a calquera medida do Goberno. Que conveñan ou non aos españois, especialmente aos máis vulnerables, é para o líder do PP un tema secundario.

Non á revalorización de pensións segundo o IPC, non ás bolsas extraordinarias ao millón de bolseiros, non á subida do Salario Mínimo Interprofesional, non ás subidas do Ingreso Mínimo Vital e pensións non contributivas, non ás rebaixas de impostos e do IVE na factura eléctrica, tope ao prezo do gas,… En fin, para que seguir.

A orde é disparar cun non a todo o que se mova ao crer que, con esta forma de actuar, achéganse máis á Moncloa. Aínda que sexa á conta dos españois, mesmo aínda que sexa á conta dos seus propios votantes. Algo que para Feijóo non son máis que meros danos colaterais. Que mágoa que neste país non contemos, nestes difíciles momentos, cunha oposición homologable coa do resto de Europa.

Grazas por compartilo nas túas redes:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *