¿Saúde Pública? Non penses como un médico

O título exacto do artigo de Erich Reinhart, publicado en «The Nation», que dá pé a este texto é o seguinte: «Want to fix Public Heath? Stop Thinking Like a Doctor» (¿Quere arranxar a Saúde Pública? Deixe de pensar como un médico). Un artigo que, aínda que enfocado ao sistema sanitario estadounidense, creo que pode enriquecer o debate acerca da Saúde Pública no noso país.

A reflexión de Reinhart non resulta nova conceptualmente, pero si pertinente para o momento actual. Sen dúbida, xa nos séculos XVIII e XIX, J. P. Frank ou Rudolf Virchov erixíanse como referentes do que se denominaba como medicina social. O primeiro deles sintetizou os seus postulados nesta frase: «A miseria do pobo é a nai de todas as enfermidades».

Publicado no Diario de Pontevedra, 21/04/2023

Dito doutro xeito, o que denominamos Saúde Pública non pode reducirse a «cousas de médicos» senón que é o resultado do modelo de sociedade na que vivimos ou, se se quere, do conxunto de políticas públicas que implementan os gobernos.

Non é difícil recorrer a elementos obvios como son as infraestruturas de abastecemento de auga potable ou as de saneamento, por certo, estas últimas aínda aínda por completar nunha parte non menor de Galicia. O dereito ao seguro de paro, ás baixas por enfermidade, saber que non acudir a traballar por atoparse enfermo non implica a perda do posto de traballo, ou o dereito a unha pensión ao finalizar a idade laboral, foron, entre outras, esforzadas conquistas sindicais que contribuíron á mellora da saúde colectiva.

Con todo, xa no século XXI, debemos mencionar outros factores que inciden en gran medida nos niveis de saúde da poboación e que indican tamén o grao de compromiso dos gobernos. E sen dúbida un os factores máis importantes é o nivel do grao de desigualdade dun país.

A esperanza de vida non é un resultado aleatorio, que en EE.UU. os cidadáns máis ricos vivan dez anos máis que os pobres non é unha casualidade, responde a unha realidade que se concreta en decisións políticas. E un estudo de hai poucos anos, concluía que, por exemplo, na cidade de Madrid hai unha diferenza de case 7 anos de vida entre os residentes duns barrios e doutros, reflexo das desigualdades na situación socio-económica dos seus habitantes.

Así pois, ademais da decidida aposta do actual goberno polo noso Sistema Sanitario Público, debemos pór en valor outros conxuntos de medidas que inflúen de maneira notable na mellora da saúde da cidadanía e que van na liña de rebaixar o índice de desigualdade existente no noso país ou, se se prefire, reducir a taxa de risco de pobreza e/ou exclusión social . Citarei algunhas delas.

A eliminación do Copago Farmacéutico implantado polo goberno de Rajoy no ano 2012 e que provocou o que os sectores máis vulnerables tivesen que pensar en renunciar a parte dos medicamentos que debían adquirir por prescrición facultativa.

O incremento do Salario Mínimo Interprofesional nun 47%, de 735 a 1.080 euros mensuais, un incremento de case 5.000 euros ao ano, a implantación do Ingreso Mínimo Vital, un novo dereito que reforza a dignidade e a calidade de vida daqueles que carecen doutro tipo de prestación económica, e a Lei de Dependencia, o apoio para cando unha persoa non pode #valer por símisma.

A implantación dunha Reforma Laboral que, reducindo a temporalidade e incrementando o emprego indefinido, achega un nivel maior de seguridade á hora de #expor un proxecto vital, ademais de situar a prioridade dos convenios de sector como puntos de partida á hora de negociar os convenios de empresa.

A decidida aposta pola Educación, polo noso sistema educativo público, coa maior partida de Bolsas e Axudas da historia. Non faltan estudos que demostran a importancia de facilitar o acceso a unha educación de calidade e a súa influencia no incremento da esperanza de vida.

Por certo, no mesmo artigo de Reinhart podemos ler como a axenda de privatización, desregulación e de mercados libres de EE.UU. o que pretende é que o goberno se retire da provisión pública de servizos para así maximizar as oportunidades de obter ganancias privadas. Unha cuestión, afirma o autor, que non só exacerba a desigualdade, erosiona a base material para a confianza e leva á praga da desconfianza pública.

Por tanto, creo que é de xustiza constatar tamén a gran aposta en sanidade pública realizada por este goberno nos Orzamentos Xerais do Estado, un incremento nesta lexislatura dun 145% respecto do último orzamento do Partido Popular.

Finalizo remarcando e advertindo do perigo das políticas neoliberais de dereita e ultradereita que priorizan a economía sobre a saúde. En frase de Einhart: «A saúde pública privatizada non é, de feito, unha política defendible». Defendamos o que pensamos.

Grazas por compartilo nas túas redes:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *