Sanidade, Educación, Dependencia,… qué pretende privatizar o novo PP?
O de baixar impostos sempre foi un mantra dos sectores máis conservadores (agora tamén da ultradereita) que nestes días xorde de novo con gran forza unha vez que “o novo líder do novo PP” erixiuse no seu máximo defensor. Non hai mitin, debate, entrevista ou mensaxes en redes sociais nos que Feijóo non saque a colación a baixada de impostos como a gran e única solución, cal bálsamo de Fierabrás, á situación económica actual.
Ao mesmo tempo, Núñez Feijóo non cesa de queixarse acerca do déficit público que presenta o noso país, clamando pola súa redución. Déficit público cuxa minoración, como el ben sabe, convértese nunha misión imposible de reducirse os ingresos públicos.
Por certo, o propio Fondo Monetario Internacional, nada sospeitoso de ser de esquerdas, advirte no seu último informe que a carreira á baixa en materia fiscal pode acabar por minguar o gasto social e os necesarios investimentos por falta de suficientes ingresos. Ademais, demanda un acordo global para acabar con esas prácticas para así poder reducir a desigualdade e tamén loitar contra o cambio climático.
Non lle importa nada a Núñez Feijóo incorrer en contradicións, medias verdades ou, directamente, falsidades, con tal de manter viva a chama dunha proposta que lle permita acusar o goberno de Pedro Sánchez de “forrarse” a base duns impostos cos que estaría a asfixiar ás clases traballadoras e aos sectores máis vulnerables. Poñamos algúns exemplos.
Núñez Feijóo reclama a baixada do IVE para a luz e o gas, pero non di que o goberno xa baixou o IVE da factura eléctrica do 21% ao 10%. Feijóo quere que se aplique o superrreducido do 4%, pero non di que para iso requiriríase a autorización do Europa. Iso si, pon o exemplo de Polonia, pero cala que ese país o fixo sen a autorización da autoridade europea e está suxeito a un procedemento de infracción. E, por suposto, non fala do acordo conseguido por España e Portugal, a chamada excepción ibérica, que permitirá topar o prezo do gas e abaratar en gran medida a factura eléctrica de fogares e empresas.
Con respecto aos Fondos Europeos, pretende que aquelas persoas que instalen nos seus domicilios sistemas enerxéticos alternativos (placas solares, xeotermia,…) poidan desgravar parte dos gastos no IRPF a conta dos devanditos fondos. Iso si, parece ignorar que o pasado mes de outubro o goberno xa arbitrou un Real Decreto que permite deducir no IRPF entre o 20% e o 60% do investimento realizado en eficiencia enerxética.
Outra petición de Feijóo é que as axudas a autónomos e pemes no ano 2021 por causa da COVID que non foron executadas, 1.700 millóns de euros dos 7.000 millóns orzados para tal fin, volvan saír nunha nova convocatoria. Iso si, cala que, do total adxudicado a Galicia, o seu goberno deixou o 30% sen executar.
Por certo, tamén poderiamos lembrar que Feijóo márchase de Galicia deixando sen executar 1.775 millóns de euros en políticas de emprego, o 33,4% do orzamento fixado para esas partidas durante os seus anos de goberno na Xunta de Galicia.
Lembraba a ministra Montero que Mariano Rajoy foi o presidente do goberno que máis impostos subiu nunha lexislatura. En 50 ocasións decidiu a subida de impostos nunha lexislatura na que os españois sufriamos unha gran crise económica, pero non será isto o que embace o discurso de Feijóo.
Non é de estrañar que, quen defenden menos Estado, que aqueles que entenden que os servizos públicos esenciais deben incrementar os niveis de privatización, propugnen as baixadas de impostos. E Núñez Feijóo pertence sen dúbida aos que defenden estes postulados.
Os recortes realizados en Galicia en Sanidade e Educación públicas, e o incremento sostido das privatizacións nestas dúas áreas, son claros exemplos do que nos espera si algún día Núñez Feijóo chega á Moncloa. Un Feijóo que xa no ano 2012 dicía, referido ao sistema sanitario, que “hai determinadas cuestións que se poden facer perfectamente externalizando”, e así foi en Galicia e así pretenderá que aconteza en España.
A privatización dos servizos públicos esenciais non é outra cousa que un “rejón” de morte á equidade, só favorece ás clases máis podentes, aquelas que poden permitirse o luxo de pagar o que sexa na privada. Un exemplo, un transplante de fígado ten un custo próximo aos 50.000 euros, por canto tempo tería que empeñarse un mileurista para poderllo custear? Por certo, ese mesmo transplante en EEUU custa unhas dez veces máis.
Se algo demostrou a pandemia é a necesidade de contar cun Estado forte, potente, con servizos públicos de calidade, dotados de recursos materiais e humanos suficientes que permitan responder de maneira axeitada ás necesidades actuais e previr aquelas que poidan acontecer nun futuro. Un Estado con músculo suficiente como para poder exercer de manto protector aos sectores máis vulnerables da nosa sociedade e a defender e a estender os dereitos da cidadanía. E neles, a risco de equivocarnos, estamos algúns. Outros reman en sentido contrario. A boa noticia é que, segundo a recente enquisa de ESADE/ICIP, a maioría da cidadanía prefire a mellora dos servizos públicos a pagar menos impostos.