Récord de Idiotez… e un chisco de San Agustín… porque vendo non queren ver

Unha historieta gráfica en catro viñetas. Os textos de cada unha delas (acompañados do correspondente debuxo) son elocuentes. O tres primeiros din así: «Récord de Calor, Récord de Tormentas, Récord de Inundacións».

Na última delas, o texto é: «Récord de Idiotez». E o debuxo representa unha manifestación dos negacionistas do cambio climático coas súas correspondentes pancartas nas que pode lerse: «A ciencia minte», «Salvade os combustibles fósiles» e «O cambio climático é un bulo».

Diario de Pontevedra, 02/09/2023

Así de sinxela, explícita e rotunda é a combinación de catro viñetas asinada por Rober Rogers e publicada recentemente no dixital estadounidense «The Nation».

Un grafismo que resume de forma simple e clara as consecuencias daqueles que se afanan en negar os efectos do cambio climático e, xa que logo, a aplicar as accións que consigan paliar un proceso que, de continuar así, vai camiño de alcanzar un grao de irreversibilidad tal que faga do noso planeta un mundo inhabitable para a especie humana.

Acerca da existencia de Deus, dicía San Agustín que «para quen queira crer, teño mil razóns; para quen non queira crer, non teño ningunha». Situaba así o Bispo de Hipona o querer crer, a crenza, como «conditio sine qua non» para aceptar e comprender a existencia divina, pero –salvando as distancias- non é este o caso que acontece ao falar do Cambio Climático.

Cando nos referimos ao Cambio Climático, o querer ou non crer, a crenza, non cabe ante o peso da evidencia. Unha evidencia que se amosa inflexible a pouco que teñamos en conta o enorme caudal de datos que a ciencia pon á nosa disposición e que verifican a velocidade e intensidade con que se están a producir os cambios de temperatura e do conxunto de variables do clima da Terra e que teñen a súa orixe na actividade humana.

As viñetas de Rober Rogers resúmeno de forma certeira: «Record Heat, Record Storms, Record Floods, … Record Idiocy».

Comillas

«Aférranse ao seu parecer, non por verdadeiro, senón por seu». E todos sabemos como se denomina en política a aqueles que consideran como «única verdade» a súa.

Un «Récord de Idiotez» derivado da negación da evidencia. «Non hai peor cego que o que non quere ver» di o noso refraneiro popular. A razón de tal proceder quizais responda ao que tamén nos lembra San Agustín: «Aférranse ao seu parecer, non por verdadeiro, senón por seu». E todos sabemos como se denomina en política a aqueles que consideran como «única verdade» a súa.

Moitos de nós pediriámoslle a Rogers que engadise unha viñeta máis ao tres primeiras: «Récord de Incendios». Unha realidade que vivimos con demasiada frecuencia en Galicia e que estes días se mostra con toda a súa crueza en Tenerife. A súa presunta intencionalidade non oculta o feito de que o cambio climático é un elemento que xoga ao seu favor favorecendo a súa expansión á vez que dificulta a súa extinción. E, xa postos a pedir, outra viñeta: «Récord de Secas».

As políticas destinadas a paliar os efectos do cambio climático debesen ser obxectivo de primeiro nivel e formar parte dos compromisos programáticos de todo o conxunto de forzas políticas que conforman o arco parlamentario, de forma que, goberne quen goberne, as políticas destinadas a este fin conten co aval unánime da cámara ou, polo menos, dunha gran maioría cualificada. Lamentablemente, non parece que isto vaia ser así cunha dereita que parece entregarse aos postulados negacionistas e isto non é unha boa noticia, sirva como exemplo o acontecido no Parque Nacional de Doñana.

Certo que, para evitar as consecuencias desvastadoras que pode provocar o Cambio Climático, pouco se pode facer se a resposta non é global, moi especialmente por parte dos países do chamado Primeiro Mundo, pero iso non nos exculpa para que na nosa casa sexamos coherentes co que a ciencia nos presenta e actuemos en consecuencia. Só deste xeito conseguiremos que nunha futura historieta, Rober Rogers poida cambiar a última viñeta e, onde dicía «Récord de Idiotez», poidamos ler « Récord de Sensatez».

Grazas por compartilo nas túas redes:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *