Obxectivo 55: “Non podemos permitir que os custos aumenten a brecha da desigualdade“
“Obxectivo 55”, con esa denominación designa o Parlamento Europeo ao paquete de medidas coas que se pretende chegar no ano 2030 a unha reducción de emisións de alomenos un 55%. Un obxectivo camiño da meta final que non é outra que acadar a neutralidade climática no ano 2050.
O noso compañeiro, o europarlamentario Nicolás González Casares, realizou hai poucos días, concretamente o pasado 14 de setembro, unha intervención na sesión plenaria do Parlamento Europeo na que manifestaba o seguinte:
«Señor presidente, cada novo informe do IPCC é rotundo: a alteración climática é alarmante. Tras a Lei do Clima temos un paquete lexislativo ambicioso no camiño cara a 2030. Grazas á Comisión e ao vicepresidente Timmermans por presentalo.
Pero centrémonos no fundamental: o 75 % das emisións ten que ver co sector da enerxía, que, en boa medida, é fósil e importada. Temos que avanzar en renovables dunha maneira sostible e cun despregamento respectuoso, e ser eficientes. A enerxía mellor gastada é a que non consumimos.
Pero non esquezamos que haberá custos e que ese esforzo hai que transformalo nunha economía máis limpa e autónoma. O que non podemos permitir é que eses custos aumenten a brecha da desigualdade. A alarmante evolución dos prezos maioristas é un recordatorio que nos chama a concentrar esforzos para enganchar á cidadanía, acompañala para non abrir paso ao populismo e descarbonizar a nosa economía.
Agora, os que estamos aquí temos que lexislar. Fago un chamamento a que nos centremos na xente e na saúde do planeta. É un gran desafío».
A referencia á brecha da desigualdade non pode ser máis oportuna e necesaria. A situación actual creada polos prezos da enerxía eléctrica, a factura da luz, exemplifica á perfección o momento polo que estamos a atravesar. Que as ambiciosas medidas contempladas no Obxectivo 55 sexan unha realidade, e que academos no ano 2050 a neutralidade climática na unión Europea, non poden ser en ningún caso moeda de cambio na loita contra a desigualdade.
Podedes ver aquí (ou pulsando na imaxe) un resumo das medidas concretas contempladas no Obxectivo 55 da Unión Europea (UE), así como unha maior información sobre o Plan da UE para a Transición Ecolóxica.
E aquí deixo o vídeo da intervención de Nicolás González Casares na sesión do Parlamento Europeo: