Ensinar menos, Aprender máis

Durante o tempo de xestación da LOMCE do ministro Wert, houbo unha primeira fase de comparecencias, 50 en total, na que expertos e representantes dos distintos sectores da comunidade escolar pasaron pola Comisión de Educación do Congreso para expor os seus puntos de vista acerca da situación do noso sistema educativo. Como deputado do Grupo Parlamentario Socialista e membro desa comisión, tiven a ocasión de intervir con certa asiduidade nas citadas comparecencias compartindo opinións, manifestando desacordos, solicitando aclaracións ou inquirindo sobre puntos concretos das exposicións de distintos intervinientes.

O currículo foi un tema bastante recorrente en moitas das intervencións dos expertos educativos e, especialmente, a idea de que o noso sistema educativo conta cun currículo demasiado sobrecargado e cunha selección de contidos bastante discutible. Algo que, pola miña banda, comparto absolutamente e así o facía manifestar cunha frase á que teño recorrido en máis dunha ocasión: “debemos ensinar menos para que poidan aprender máis”.

Con esa frase non pretendía outra cousa que mostrar o paradoxo que representa para os docentes ter un currículo tan extenso que impide que poidamos (permítalleme que sinale a miña condición de mestre) dedicarlle o tempo necesario ao verdadeiramente importante. E un exemplo moi claro e reconocible é o que pasou coa lectura. O pracer de ler quedou relegado na escola e sepulto por horas de contidos que impiden dedicarlle o tempo necesario para gozar dos libros. Aprender a ler é algo máis que xuntar letras e sumar palabras, aprender a ler é un longo e belo proceso que nos levará a gozar da lectura, pero non hai tempo nas aulas. E menos aínda, como diría un bo amigo, para a poesía.

Outra das historias recorrentes na tramitación das leis de educación son as reunións con colectivos representantes das distintas materias, áreas ou materias. Para todos eles, e non dubido da súa honestidade, a súa materia ten unha transcendencia enorme na educación e necesitaría dunha maior presenza horaria. Se se fixese caso a todas as peticións, non chegarían as 24 horas do día para completar a xornada escolar. Sen dúbida, cada un de nós temos a nosa propia selección de materias e contidos que quixésemos introducir no currículo, pero máis importante será dispor dun sistema vivo, dinámico e en permanente avaliación que permita corrixir aquelas disfuncións que se perciban.

Quizais o devandito até agora pareza unha visión demasiado superficial da realidade escolar, pero sinceramente creo que se achega bastante ao que ocorre nas nosas escolas e institutos. De aí a extraordinaria importancia que cobra a fase de deseño do currículo educativo e, en especial, do que agora se denomina “Perfil de Saída da Educación Básica”, isto é, o conxunto de competencias clave que todo o alumnado debe adquirir e desenvolver durante o seu paso pola etapa de escolaridade obrigatoria. Gran parte do éxito escolar que todos desexamos estará en función do acerto na selección.

O pasado venres, no Ministerio de Educación e Formación Profesional, procedíase á presentación das bases do novo currículo que se implantará no curso 2022-23 no noso sistema educativo. Un novo currículo que sen dúbida será a clave de bóveda da nova Lei de Educación e que se basea nas Competencias Clave definidas pola Unión Europea e a Axenda 2030. Sinalaba a ministra de Educación, Isabel Celaá, na súa intervención que “nos xogamos moito” nesta misión. E non cabe dúbida de que así é.

Os máis veteranos acordarémonos do Informe Faure para a UNESCO, coordinado por Edgar Faure no ano 1972, e que lucía o magnífico título de “Aprender a ser”. Xa nese informe dicíase que “a ensinanza debe consagrar un esforzo menor á distribución e ao almacenamento do saber adquirido (aínda que sexa preciso desconfiar, neste dominio, das esaxeracións) e prestar unha maior atención á aprendizaxe dos métodos de adquisición (aprender a aprender)”. O novo currículo por competencias clave parece atender a esta indicación, que así sexa.

Nota: Artigo publicado en eldiario.es, ver aquí, o 3 de abril de 2021. A foto que acompaña esta entrega está tomada de dita publicación.

Grazas por compartilo nas túas redes:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *