Doñana, o Gran Canón e o asolagamento da Capela Sixtina
Recentemente producíase o falecemento de Jerry Mander, activista estadounidense e publicista, que, no ano 1966, xunto con Howard Gossage, crearon un anuncio publicitario co que contribuíron a paralizar a construción de dúas xigantescas presas no Gran Canón do Colorado.
Entre outros argumentos, os partidarios de tales presas indicaban que, asolagado o Gran Canón, os turistas gozarían nas súas barcas podendo achegarse a tocar as paredes da gran garganta formada polo río Colorado tras millóns de anos de actividade xeolóxica.
O encabezamento do citado anuncio, publicado a páxina completa, rezaba da seguinte maneira: «Deberiamos asolagar tamén a Capela Sixtina para que os turistas poidan achegarse ao teito?». Acompañaba a ese provocador titular unha liña do tempo xeolóxico e argumentos en contra dunha actuación que, en palabras dos seus promotores, reportaría pingües beneficios económicos.
Este anuncio de Mander e Gossage para o Sierra Club foi todo un éxito e coadxuvou en gran medida, e así é recoñecido, a que finalmente o goberno renunciase á creación das presas e a abandonar a idea de asolagar o Gran Canón.
Vén a conto lembrar este episodio polo debate que se está producindo actualmente sobre Doñana debido á decisión tomada pola Junta de Andalucía, presidida por Moreno Bonilla. Unha iniciativa que conta ademais co aval do presidente do Partido Popular, Núñez Feijóo e, como non!, da inefable Díaz Ayuso.
Científicos, técnicos, a Unión Europea, a UNESCO e o goberno central son unánimes ao cualificar de errónea e desastrosa a decisión do PP, apoiada tamén por VOX, de ampliar os regadíos en Doñana e legalizar aqueles que están fóra da lei. Non pode resultar por tanto estraño que desde as distintas institucións advertiuse de que se adoptarán todas as fórmulas posibles para evitar que prospere tal medida.
Ao contrario que na proposta para o Gran Canón, que era asolagalo totalmente de auga, no caso de Doñana, de prosperar a proposta do goberno andaluz, a consecuencia sería acelerar o ritmo de desecación até a perda total da auga doce dun ecosistema que permite a vida de máis de 400 especies de aves, ademais doutras 150 especies entre mamíferos terrestres e mariños, réptiles, anfibios e peces. Por certo, varias delas en perigo de extinción, como o lince ibérico ou a aguia imperial.
E mentres no Gran Canón o obxectivo fundamental tiña que ver coa ambición económica dos seus promotores, no caso de Doñana está claro que o obxectivo non é outro que o de conseguir un puñado de votos nas distintas contendas electorais. Un mísero botín que en ningún caso debese servir para alentar o mal pretendido.
Os informes científicos sobre o estado de Doñana son rotundos e concluíntes en canto ao «estado crítico» do Parque Nacional. Non se pode pois, en ningún caso, falar de descoñecemento por parte do goberno do Partido Popular en Andalucía.
En palabras de Eloy Revilla, director da Estación Biolóxica de Doñana (EBD-CSIC): «Das nosas decisións depende o futuro de Doñana e a súa comarca, que, lémbrolles, non só é un valor local, ou rexional, senón que se trata dun patrimonio universal de toda a humanidade. Vostedes deben escoller como queren pasar á historia».
Seguramente, Núñez Feijóo e Moreno Bonilla escandalizaríanse e cualificarían de barbaridade o proxecto de asolagar a Capela Sixtina, mágoa que con Doñana non lles importe o seu intento de perpetrar, e a propósito, unha barbaridade moito maior.