De «homo horribilis» a «homo suicidalis»

Tan só no que afecta a materia climática, a lexislación que recentemente conseguiu aprobar o presidente de EEUU, Joe Biden, implica un investimento de 370.000 millóns de dólares nos próximos dez anos. Eficiencia enerxética e tecnoloxías de enerxía limpa son as dúas grandes liñas que a través de subvencións fiscais a familias e a empresas acaparan o groso da cifra total.

Un cambio importante para un país, e para o conxunto do planeta, que hai pouco contemplaba con terror as soflamas do expresidente Trump, negacionista en todo o que se refira ao cambio climático e que cun simple e brutal «non mo creo», botaba por terra o informe de máis de 1.600 páxinas titulado «Avaliación Nacional sobre o Clima», apoiado por 300 científicos de 13 axencias diferentes.

Diario de Pontevedra, 13-08-2022

En España, en maio do pasado ano, aprobábase a «Lei 7/2021, de 20 de maio, de cambio climático e transición enerxética». Unha lei que contou co voto en contra de VOX, bos discípulos de Trump, e a abstención do Partido Popular que, polos seus feitos, parece non andarlle moito á zaga.

Tanto VOX como o PP utilizaron un argumento común ao incidir no que suporía esta lei para a destrución do emprego e o peche de empresas aínda cando existe un gran consenso acerca de que, pola contra, estas políticas traerán consigo xeración de maiores investimentos e de novas oportunidades de emprego.

Por certo, non hai resposta máis contudente ao razoamento empregado polas forzas conservadoras que o empregado no Pleno do Congreso pola ministra do ramo, Teresa Ribera, quen non dubidou en espetarlles a seguinte frase: «Non hai emprego nun planeta morto».

E dun planeta moribundo trata o «Informe da Avaliación Mundial sobre a Diversidade Biolóxica e os Servizos dos Ecosistemas» elaborado no ano 2019 pola Plataforma Intergobernamental Científico-Normativa sobre Diversidade Biolóxica e Servizos dos Ecosistemas (IPBES, polas súas siglas en inglés) e no cal podiamos ler o seguinte:

«ao redor dun millón de especies xa están en perigo de extinción, moitas en apenas decenios, a menos que se adopten medidas para reducir a intensidade dos impulsores da perda de diversidade biolóxica. Se non se adoptan medidas, haberá unha maior aceleración do ritmo de extinción de especies en todo o mundo, que é xa decenas, cando non centos de veces superior á media dos últimos dez millóns de anos»  

Na lei española prevense, entre outras, medidas para a protección da biodiversidade e os seus hábitats fronte ao cambio climático e a elaboración dunha estratexia específica que incluirá as directrices básicas para a adaptación ao cambio climático dos ecosistemas naturais e das especies silvestres españolas, así como as liñas básicas de restauración e conservación dos mesmos, con especial referencia aos ecosistemas acuáticos ou dependentes da auga e de alta montaña.

Convén tomar nota das palabras do ornitólogo Peter Berthold que á especie humana cualifícanos, en primeira instancia, de «homo horribilis» como causantes de todo este inmenso dano á natureza para, a continuación, anunciar a nosa evolución a «homo suicidalis», posto que a humanidade non poderá sobrevivir coa extinción de especies que está a xerar.

Grazas por compartilo nas túas redes:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *