Dacordo, «¡por España!», pero… por cal?

Non é difícil no discurso político, en especial por parte de formacións políticas do espectro da dereita, recorrer habitualmente a consigna «Por España!», para así sinalar o obxectivo final das súas propostas.

Un lema, «Por España!», ao que sen dúbida todos poderiamos apuntarnos sen reparo, entre outras cousas pola vacuidade do seu significado cando, como vén sendo habitual, a frase finaliza aí sen máis explicación. Sen dúbida, conviría pór en evidencia, que o importante de tan ostentosa expresión non está no que se di, senón no que se deixa de dicir.

Diario de Pontevedra, 11-02-2023

Porque, convirán comigo, o esencial desa expresión sería facer transparente cal é esa España á que nos referimos, que modelo de país pretendemos, que obxectivos perseguimos e en que principios e valores se sustenta. Claro que isto último significa entrar nunha fariña na que non poucos senten moi incómodos porque, evidentemente, obriga a pór negro sobre branco aquilo que moitas veces se prefire que quede baixo a alfombra.

Porque, evidentemente, non é o mesmo a España resultado de fixar como obxectivo combater o incremento dos niveis de desigualdade entre clases sociais, que a España resultado de apostar por deseños que de forma taimada contribúen a que devanditos niveis sigan crecendo.

Non é o mesmo unha España que loite pola xustiza fiscal e a redistribución da riqueza de forma que pague máis quen máis ten e pode-, que unha España que proclama ofrecer un aparente e atractivo aforro en impostos, pero calando que ese aforro apenas representa 44 euros ao mes para un contribuínte que ingrese 25.000 euros ao ano, pero 1.000 euros ao mes para outro con ingresos de 250.000 euros. E, por suposto, escondendo que iso traducirase en peor educación pública, peor sanidade pública, peores pensións públicas, peor transporte público,…

Por certo, os datos oficiais, non do Goberno de España senón de Eurostat indican que España, é un dos países da UE con menor recadación fiscal e con menor gasto público; seguimos recadando por baixo da media da Unión Europea e recadamos menos que o que recada a media da eurozona.

Non é o mesmo unha España que nesta lexislatura aproba unha subida do Salario Mínimo Interprofesional do 47%, pasando dos 735 aos 1080 euros, que unha España que pretenda conxelar esa subida baixo o falso discurso de que tal medida evita a creación de emprego, cuestión esta última claramente desmentida pola realidade dun país que neste momento conta co maior nivel de emprego da nosa historia.

Non é o mesmo unha España que aproba unha Reforma Laboral que rescata a prioridade dos convenios sectoriais e a súa ultraactividade, que persegue a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo, que unha España que pretende recortar dereitos dos traballadores e impor a prioridade dos convenios de empresa para así provocar un desequilibrio entre as partes sociais, unha contrastada desvalorización salarial e maiores niveis de temporalidade.

Non é o mesmo unha España que aproba uns Orzamentos Xerais do Estado que contemplan a maior subida para a Educación Pública, singularmente para Becas, tamén para a Sanidade Pública e para incrementar as pensións segundo o IPC, que una España que se decanta por uns Orzamentos que avogan polos recortes nos servizos públicos esenciais, derivalos á beneficencia, e así potenciar a súa privatización para aqueles que poidan pagalos.

Non é o mesmo unha España que se esforza e loita por conseguir na Unión Europea acadar posicións de liderado, respecto e impulso de iniciativas que rompan coas vellas receitas neoliberais e que sirvan de modelo global, que unha España que se move por Europa pondo paus nas rodas ao lexítimo goberno do Estado, que predica as vellas receitas do austericidio e que arrastra o dubidoso mérito de falar mal do propio país.

Poderiamos pór moitos máis exemplos, pero creo que os anteriores son boa mostra do moito que nos xogamos si, como pretenden os sectores neoliberais, as dereitas do noso país, deixámonos levar por ese «Por España!» emocional e baleiro de contido que pretenden colocarnos no debate público, no canto de que se impoña a razón e a serena reflexión que merece un asunto tan importante como é decidir cal é esa España na que queremos vivir.

Grazas por compartilo nas túas redes:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *