BNG-PSOE.- Rendicións Recíprocas

No seu libro «La libertad democrática», Daniel Innerarity escribe o seguinte: “Nas sociedades avanzadas non adoita haber vitorias ou derrotas, senón algo que poderiamos chamar «rendicións recíprocas», acordos ao redor do que uns e outros, conscientes de que os programas de máximos son inalcanzables, poden considerar aceptable”.

Creo que é un gran achado de Innerarity tal concepto de «rendicións recíprocas» e coido que é nel onde debemos canalizar os acordos entre forzas políticas que debesen ter como obxectivo o entendemento mutuo para poder levar adiante aquelas liñas de actuación que contan cun alto grao de coincidencia nas súas propostas programáticas.

Comillas
Autor de la cita

«Nas sociedades avanzadas non adoita haber vitorias ou derrotas, senón algo que poderiamos chamar “rendicións recíprocas”, acordos ao redor do que uns e outros, conscientes de que os programas de máximos son inalcanzables, poden considerar aceptable»

Daniel Innerarity

BNG e PSOE enfróntanse, enfrontámonos, a unha situación na que nos colocaron os votantes desta cidade nas últimas eleccións municipais. Fronte a unha maioría insuficiente para gobernar obtida polo Partido Popular, a suma dos resultados obtidos polo BNG e o PSOE permiten contar cun número total de concelleiros suficiente para que, de forma folgada, pódanse levar adiante aquelas políticas progresistas derivadas duns programas electorais que se entende contan con importantes elementos comúns.

Diario de Pontevedra, 08/09/2023

Non parece desatinado afirmar que tal sería o sentido da maioría de votantes, por iso compre necesario ante todo porse a falar e chegar a un acordo programático que debera ser transparente, rigoroso e realizable nos catro anos de duración do mandato.

Un acordo programático que non debera basearse nunha simple división de áreas, de forma que, unha vez procedido á repartición das mesmas, cada quen poida “facer da súa capa un saio”. Converter cada departamento municipal en «reinos de taifas» non parece a mellor opción para unha viaxe que se propoña longa no tempo e frutífera nos resultados. É por iso que conformar un programa común de goberno non parece só desexable, senón que devén necesario para o éxito colectivo.

Certo que existen pezas incómodas que é preciso resolver. A condición final da rúa Raíña Vitoria é unha delas. Guste ou non, esa rúa converteuse nun elemento icónico nos debates cidadáns sobre política local.

Coido que a cidadanía non podería entender que unha rúa fose o elemento decisivo que decida o chegar ou non a un acordo entre ambas as dúas forzas, pero, igualmente, penso que tampouco entendería que no acordo final non se abordara a situación da devandita rúa.

Sobre Raíña Vitoria cabería repetir a coñecida frase do deputado de Alianza Popular, Manuel Iglesias Corral, pronunciada no ano 1986 no Parlamento de Galicia: «Aquí pasou o que pasou e sabémolo todos». Xa que logo, aforrareime narrar a sucesión de argumentos que foron empregados para propiciar o peche total da rúa, mesmo aqueles que, máis que argumentos, soaron a excusa.

Comillas
Autor de la cita

«Aquí pasou o que pasou e sabémolo todos»

Manuel Iglesias Corral

Na situación actual, argumentar que o peche total de Raíña Vitoria resulta imprescindible para consolidar o chamado «modelo Pontevedra», entre outras cuestións polo tráfico que provocaría de novo en Campolongo ou Eduardo Pondal, non se sustenta, especialmente se temos en conta que a proposta socialista falaba de convertila nunha rúa de plataforma única, de preferencia peatonal e con acceso a residentes e servizos.

De todas formas, non sería consecuente afirmar que o tema da rúa sexa a clave de bóveda das negociacións entre o BNG e o PSOE. Temas como a optimización dos servizos sociais, a organización e a dimensión axeitada  da plantilla municipal, a procura de fondos europeos e a consolidación de proxectos medioambientais, son temas de grande importancia, así como afondar na participación cidadá, a revitalización do Consello Económico-Social e do Consello Escolar Municipal. Por citar puntos concretos, falariamos da execución dos proxectos da recuperación do río (Pontevedra Flúe), a apertura do río Gafos e a simplificación e axilización dos trámites administrativos e de atención á cidadanía.

En fin, moitos asuntos dos que falar, moitas cuestións que consensuar e, porque non, volvendo a Daniel Innerarity, tamén «rendicións recíprocas» que permitan plasmar un programa progresista común de goberno para a boa marcha da nosa cidade.

Grazas por compartilo nas túas redes:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *