Austeridade só para pobres: McCarthy vs Feijóo

A primeiros deste mes de xuño, aprobábase en  Estados Unidos o pacto alcanzado entre o presidente Biden e o republicano Kevin McCarthy para elevar o teito de débeda. Un acordo in extremis no que Biden tivo que aceptar endurecer os recortes en axudas sociais a cambio de poder elevar o teito da débeda e que o Goberno Federal non caese en falta de pagamento.

Un pacto que podemos resumir na aplicación de fortes regras de austeridade ao orzamento de Estados Unidos, pero coa característica de que tales regras afectan directamente ás clases máis vulnerables da sociedade e en ningún modo aos sectores máis boiantes do país.

Sobre este pacto pronunciábase deste xeito o senador Bernie Sanders: «A redución do déficit non pode consistir só en recortar os programas dos que dependen as familias traballadoras, os nenos, os enfermos, os anciáns e os pobres. Debe consistir en esixir que a clase multimillonaria e as empresas rendibles paguen os impostos que lles corresponden, frear o gasto militar descontrolado, reducir o prezo dos medicamentos con receita e pór fin aos miles de millóns de dólares en axudas sociais á industria dos combustibles fósiles e outros intereses empresariais».

A mellor proba de que, efectivamente, estamos ante un plan que reclama austeridade aos pobres e non esixe nada aos ricos témola na actuación do presidente da Cámara de Representantes, Kevin McCarthy, quen, unha vez negociado o acordo e mesmo antes de que o Senado o ratificase, comezou coa súa misión de recadar fondos para a súa campaña e para as campañas daqueles candidatos esenciais para que o control da cámara siga en mans dos republicanos.

Comillas
Autor de la cita

«A redución do déficit non pode consistir só en recortar os programas dos que dependen as familias traballadoras, os nenos, os enfermos, os anciáns e os pobres»

Bernie Sanders

Evento tras evento, McCarthy dispúxose á súa recolección de fondos con ese tipo de actos nos que a alta sociedade millonaria e as corporacións de maior éxito asinan xenerosos cheques por participar nas ceas e colocarse cerca do invitado estelar. Nunha desas ceas, sentar na mesa principal cotizábase a 100.000 dólares.

Podería argumentarse que a xente é moi libre para contribuír coas súas doazóns a quen libremente consideren, pero quizais debésemos ser máis rigorosos na análise e chegar á conclusión de que tales doazóns non son máis que un gran investimento daqueles que máis teñen para conseguir que as políticas de recortes non se acorden deles, para que as subvencións ás súas empresas sigan por bo camiño e que os recortes de impostos beneficien a aqueles que contan con maiores patrimonios e saldos máis elevados nas súas contas bancarias.

Por iso debo sinalar a Núñez Feijóo. O actual presidente do Partido Popular acorde co seu refrán de «derrogar o sanchismo» non pretende facer outra cousa que a perseguida por McCarthy, isto é, reclamar unha austeridade só para os pobres e que deixe a salvo aos ricos.

Os feitos están aí. Foi o Partido Popular de Feijóo o que votou en contra dos impostos ás grandes fortunas, á banca e ás grandes empresas enerxéticas. Foi o Partido Popular de Feijóo e de Ayuso o que instaurou bolsas para que aquelas familias que gañan máis de 100.000 euros ao ano poidan mandar aos seus fillos e fillas a colexios privados. Tamén foi o Partido Popular de Feijóo o que votou en contra da subida do salario mínimo. Por suposto, tamén foi o Partido Popular de Feijóo quen votou en contra dunha Reforma Laboral que volvía fortalecer aos sindicatos, permitindo equilibrar as súas forzas coa patronal ao conseguir que fosen os convenios sectoriais os que sentasen os mínimos dos acordos retributivos e non empresa por empresa onde a forza dos traballadores era moito máis reducida.

Poderiamos seguir dando máis exemplos, véxanse as liñas mestras das súas políticas impositivas, pero creo que a cuestión está ben clara e non hai marxe de dúbida acerca do fin perseguido polo Partido Popular de Feijóo: austeridade só para pobres.

Grazas por compartilo nas túas redes:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *