A Escola Pública e os ladróns de leite

Corría o ano 1945 cando Clement Attlee, primeiro ministro de Gran Bretaña, estableceu a medida da repartición de leite nas escolas. Concretamente, media pinta de leite para cada estudante de 7 a 11 anos. Desa forma asegurábase que os nenos e nenas das familias máis vulnerables mellorasen a súa nutrición.

Lembremos que falamos dunha época, recentemente acabada a 2ª Guerra Mundial, na que a pelagra ou o raquitismo, debido ás escasas achegas de vitaminas, facían estragos na poboación infantil nos barrios máis pobres das cidades e nos pobos agrícolas, industriais e mineiros.

Chegamos ao ano 1970 e atopámonos con Margaret Thatcher incorporada ao goberno do Partido Conservador no Reino Unido como Ministra de Educación e Ciencia. Unha ministra que rapidamente entendeu que era preciso reducir os gastos do Estado e, por suposto, recortar tamén na educación pública que tiña ao seu cargo.

Unha das medidas máis lembradas de Margaret Thatcher nese período tivo que ver con esa media xerra de leite diaria. Algo que entendeu como un elemento totalmente prescindible, dun resaibo comunista, polo que procedeu a ordenar a paralización da súa distribución ás nenas e nenos das escolas británicas. Esa medida xerou un gran odio entre unha poboación que non tardou en adxudicarlle un alcume: «Thatcher, the milk snatcher» (Thatcher, a ladroa de leite).

Pois ben, parecese que agora no noso país, en España, están a crecer as políticas de novos “ladróns de leite” en contra da Escola Pública. Naquelas comunidades autónomas onde goberna o Partido Popular, ben en solitario, ben en coalición ou co apoio de VOX, as políticas en contra da escola de todas e todos non deixan de sucederse.

O caso do Madrid de Ayuso é paradigmático. Bolsas públicas para o alumnado que cursa os seus estudos en escolas privadas a familias que gañan máis de 100.000 euros ao ano. Cesión de solo público a colexios privados de forma gratuíta durante 75 anos, no último concurso cédense deste xeito dúas parcelas valoradas en 11 millóns de euros. Recortes de prazas na escola pública ano tras ano, CCOO denuncia para este curso un recorte de 5.350 prazas de Infantil a Bacharelato para dirixir a demanda das familias cara a centros concertados e privados. 

En Andalucía, a actitude de Moreno Bonilla é, permítaseme a ironía, cando menos curiosa. Por unha banda, o presidente da comunidade andaluza remite ao Tribunal Constitucional un recurso contra o Imposto ás Grandes Fortunas, asina seis baixadas de impostos e non dubidou en viaxar a Madrid para presentar a supresión do imposto de Patrimonio que pagaban os 20.000 andaluces máis ricos. Doutra banda, Moreno Bonilla, anunciaba para o presente curso escolar o incremento dos prezos públicos escolares, concretamente as taxas do comedor escolar, das aulas matinais e das actividades extraescolares.

En Galicia, non está de máis lembrar a herdanza de Feijóo dos seus anos de goberno. 164 colexios e 841 profesores menos, segundo dato da propia Xunta de Galicia, ao que habería que engadir a supresión da gratuidade dos libros de texto ou a redución das horas destinadas á lingua galega. Iso si, mentres tanto aumentaba o número de concertos con centros privados, así como o orzamento destinado a este fin, cuxo incremento aumentou o dobre que o rexistrado para centros públicos.

Pero á escola pública non se lle ataca unicamente a través da redución de recursos, xa sexan materiais ou humanos. A escola pública tamén recibe un ataque mortal cando se pretende eliminar o seu carácter intrínseco de espazo común. E aí temos os pactos que con maior ou menor transparencia están a se asinar entre o Partido Popular e VOX, de forma máis que evidente en Aragón ou Murcia, a favor do veto parental.

O veto parental ataca a esencia mesma da escola pública ao implicar a supresión dese espazo común onde todas e todos se educan xuntos nunha convivencia plural espello da sociedade na que discorren as nosas vidas e que supera, enriquecéndoo, o ámbito familiar. 

A escola pública supón o encontro coa diversidade, é o comprender e entender ao outro, é o lugar da empatía cara ao distinto a nós. É, en definitiva, a aprendizaxe vital para o noso ser-en-sociedade.

Renunciar a ese espazo común de aprendizaxe e encontro, reducir o contacto co outro, converter a aula nunha suma de burbullas privadas, supón eludir a construción dunha sociedade asentada nos principios da diversidade, da convivencia e do respecto mutuo.

A liberdade de educar ás nosas fillas e fillos segundo os nosos principios e valores supón dotalos de ferramentas para analizar o mundo, para pensar, reflexionar e decidir nun marco de liberdade e contraste. Esa é a nosa responsabilidade e de aí debe derivar a nosa confianza nas decisións que tomen. Esa liberdade para educalos non debe servir para secuestrar a súa mente no reducido ámbito das nosas crenzas, algo ao que si se pode chamar, con todas as letras, adoutrinar.

Así pois, tomemos nota dos novos ladróns de leite, dos diletantes dos recortes e dos secuestradores de mentes. Confiemos na escola pública e apostemos pola escola pública que é a escola de todas e todos.

Grazas por compartilo nas túas redes:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *