A boa economía non cabe nun tuit
«Boa economía para tempos difíciles», ese é o título do libro escrito por Abhijit V. Banerjee e Esther Duflo, gañadores do Premio Nobel de Economía en 2019, que estes días pasou polas miñas mans. No libro, ambos economistas realizan unha documentada exposición daqueles temas que hoxe son carne de debate no mundo da economía e que ocupan boa parte do tempo de opinadores, tertulianos, veciños de escaleira ou compañeiros de barra.
O subtítulo do libro, «En busca de mellores solucións aos nosos maiores problemas» acompañado pola imaxe da chave inglesa podería darnos a enganosa sensación de que estamos ante un recetario máis duns economistas que pretenden vendernos unha lista efectista de remedios para os tempos que corren. Pero nada máis lonxe da realidade, a modestia coa que falan da ciencia económica e das súas posibilidades reais para mellorar a sociedade é moi de agradecer, sirvan estas citas como exemplo:
«Os economistas somos máis como fontaneiros; resolvemos problemas cunha combinación de intuición baseada na ciencia, suposicións apoiadas na experiencia e moito ensaio e erro».
«Todo o mundo comete erros. Con todo, o perigoso non é equivocarse, senón estar tan namorado das ideas propias como para impedir que os feitos se interpoñan. Para facer progresos, temos que volver constantemente aos feitos, recoñecer os nosos erros e continuar».
«Unha gran parte do traballo do economista parécese moito a iso. Como na medicina, nunca estamos seguros de alcanzar a verdade, só de que temos a suficiente fe nunha resposta como para actuar en consecuencia, sabendo que quizá máis adiante teñamos que cambiar de opinión. Tamén como na medicina, o noso traballo non acaba cando a ciencia básica está feita e a idea fundamental establecida; é entón cando comeza o proceso de introducir a idea no mundo real».
Banerjee e Duflo, amosan unha gran preocupación de como na sociedade actual abunda o que eles denominan «mala economía» encarnada, por seguir coas súas palabras, por bustos parlantes de traxe e gravata que con moita xerga están sempre en disposición de realizar afirmacións e predicións que lles confire unha falsa autoridade, posto que as súas predicións son moi malas porque con frecuencia son imposibles, ignorando a importancia das probas e, non poucas veces, orientadas por intereses económicos das empresas ás que se deben.
De cada un dos temas que tratan no seu libro (inmigración, globalización, comercio, impostos, desigualdade,…), os autores analizan situacións concretas ocorridas en distintos países e os seus efectos, casos que acompañan de investigacións sobre as consecuencias producidas e apuntando cales serían as ensinanzas que debésemos extraer á hora de orientar as políticas económicas e que moitas veces nos sorprenderán.
Dese modo, os autores pretenden facernos ver que a esa procura dunha mellor solución só pode chegarse a través do estudo e análise reflexiva dos datos reais, os argumentos sosegados e as conclusións razoadas, para si poder pór fóra de fóra de carreira ás falsificacións de noticias, á manipulación dos datos e á venda de solucións simples que provoquen na cidadanía un forte estado emocional sen ningunha base racional que o sustente.
«O único recurso que temos contra as malas ideas é estar atentos, resistir a sedución do “obvio”, ser escépticos cos milagres prometidos, cuestionar as evidencias, ser pacientes coa complexidade e honestos acerca do que sabemos e do que podemos saber. Sen esa vixilancia, os debates sobre problemas complexos vólvense eslóganes e caricaturas, e a análise das medidas políticas substitúese por remedios de larapeteiros».
O titular desta entrega, «a economía non cabe nun tuit», aproveita unha cita do libro que resume claramente este punto de vista, porque como eles indícannos:
Por suposto, na maioría das nacións do Occidente rico a estas alturas o crecemento lento non é nada novo, pero o que fai particularmente preocupante a situación é a rápida descomposición do contrato social que observamos en todos eses países. Parece que regresamos ao mundo dickensiano de “Tempos difíciles”, cos ricos enfrontándose a uns pobres cada vez máis alienados, sen unha solución á vista. […]
E talvez o máis urxente, como pode axudar a sociedade a todas esas persoas ás que os mercados deixaron atrás? As respostas a estes problemas non caben nun tuit. De modo que existe o impulso de simplemente rehuilos.
E aínda que os autores nos sinalan con pesar, cuestión que subscribo, que «pola súa natureza, na actual cultura dos medios non hai espazo para as explicacións longas ou sutís», podo afirmar que non é o caso deste libro cuxa lectura é absolutamente recomendable.