2022, outro año de boa colleita nas Cortes

Non faltan neste país supostos expertos empeñados en denigrar a vida política amplificando, até o límite máximo da distorsión, discursos que só teñen como meta sinalar a inutilidade da política en xeral, dos políticos en particular e do Goberno en especial. A máxima segue sendo a de «todos son iguais», tratando así de instalar na cidadanía un alto grao de desafección política que entenden (e os estudos así o corroboran) sempre acaba beneficiando aos sectores máis conservadores, dereita e ultradereita.

Diario de Pontevedra, 28-12-2022

Ademais, a estes agoreiros encántalles insistir machaconamente na suposta fraxilidade do Goberno de Pedro Sánchez e dos Grupos Parlamentarios que o sustentan, unha cuestión que de ningún xeito está referendada polos feitos. Un simple relatorio do conxunto de asuntos que conformaron as axendas de Congreso e Senado durante o ano 2022 basta para demostrar o falso de tales soflamas. E os datos están aí, por moito que se empeñen en ocultalos tras capas de ruído en forma de bulos, infundios, medias verdades e mentiras.

Sería imposible, por simples razóns de espazo, transcribir o total de iniciativas, que foron aprobadas este ano, polo que me limitarei a sinalar algunhas delas: a Reforma Laboral, o Plan Estatal de Vivenda, a Lei do Consumidor Vulnerable, a Lei do Deporte, a Lei Zerolo, a Lei do Si é Si, a Lei de Memoria Democrática, a Lei de Cooperación, a Lei Xeral de Comunicación Audiovisual, a Lei de Impulso á Rehabilitación de Edificios, a Lei da Ciencia, a Lei de Xestión da Política Agraria Común, o RDL de Protección dos Dereitos e Condicións Laborais do Sector Artístico, o RDL de Ciberseguridad 5G, a Lei de Gravames a Enerxéticas, Banca e Grandes Fortunas.

En materia de Educación, despois da LOMLOE, foron aprobadas este ano a Lei de Formación Profesional e a Lei de Universidades. En materia de Sanidade habería que citar o Plan de Implantación da Protonterapia, a Estratexia en Saúde Cardiovascular, o Plan de Atención de Saúde Mental ou a Axencia Estatal de Saúde Pública (AESAP) cuxo anteproxecto xa finalizou o seu trámite de consulta pública. En Xustiza, aprobouse tamén un novo tipo delituoso en materia de malversación e axústanse as penas e a xurisprudencia en materia de sedición e malversación aos #estándar dos países da nosa contorna.

Pola súa gran importancia, non podemos deixar de citar o RDL do Plan Nacional de resposta ás consecuencias da guerra en Ucraína que inclúe un bo número de medidas sociais e económicas para protexer a familias, traballadores e tecido produtivo.

Tamén sería preciso citar todas as medidas derivadas da aprobación dos Presupostos Xerais do Estado para o ano 2023. Uns orzamentos apoiados por dez grupos parlamentarios da Cámara, sen dúbida os orzamentos con maior grao de acordo e consenso. Orzamentos que tamén dan resposta a Galicia, máis de mil millóns para actuacións no noso territorio, unha media de investimento por habitante de 408 euros, sendo a media española de 284 euros.

Gobernar en coalición non é asunto fácil  e menos cando, ademais, necesítase acordar e acordar con máis grupos parlamentarios para poder alcanzar as maiorías suficientes, pero no tres anos deste Goberno, con pandemia, volcán e guerra,  sacamos adiante máis de 180 iniciativas, unha cifra que constitúe a proba palpable da decisión, do compromiso e da fortaleza deste Goberno. 

Creo que da enumeración efectuada anteriormente é fácil concluír que 2022 foi outro ano de boa colleita nas Cortes Xerais para o conxunto do país. Mágoa que outros sigan pensando que enredar, deturpar, falsear ou secuestrar ao Poder Xudicial sexan as mellores formas de facer política.

Grazas por compartilo nas túas redes:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *