DEMOCRACIA · · 3 min de lectura

Volver ao kleroterion (ou non)

O sorteo non salvará a democracia, pero a vixiancia cidadán si pode axudar

Volver ao kleroterion (ou non)

En «Clasicos sen filtros», Mary Beard sinálanos a sorpresa da maioría da xente cando descobren que a Atenas democrática do século V a. C. «rexeitaba amplamente as “eleccións libres e xustas”, a nosa pedra angular do “poder do pobo”, e prefería elixir os seus líderes ao azar, mediante sorteo». Os argumentos para tal decisión eran que «as eleccións favorecían á elite ilustrada e rica», educada na persuasión da retórica ou «con suficiente diñeiro en efectivo para ser “xenerosos” cos votantes». A fuer de ser rigorosos, hai que dicir que algúns cargos, como os estrategos, designábanse por votación.

Aínda que non se conserva ningún completo, se imos ao Museo do Ágora Antiga de Atenas podemos contemplar un fragmento do Kleroterion, a máquina de pedra usada polos gregos, xa no século IV a. C., para tales sorteos. Mesmo se mostran algunhas das placas de bronce (pinákia) cos nomes daqueles cidadáns.

Diario de Pontevedra, 08/10/2026

Os argumentos daqueles gregos non poden resultarnos máis actuais. A apelación ao estímulo económico directo para convencer o electorado -véxase a promesa de Trumo de repartir 5.000 dólares como “dividendo” se gañan os republicanos- evidencia a vixencia da pulsión do diñeiro e a persuasión.

Pero hai moito máis. O diagnóstico sobre a democracia non pode ser máis actual. Vexamos algúns exemplos de pensadores contemporáneos.

Bernard Manin descríbea como “democracia de audiencia” subliñando que “o electorado aparece, sobre todo, como unha audiencia que responde aos termos que se lle presentan no escenario político”. Os votantes non fixamos a axenda pública, respondemos aos temas que outros poñen en escena. Gañan aqueles que controlan a comunicación.

Byung-Chul Han fálanos da “infocracia”. Carecemos dun escenario común compartido porque os algoritmos nos serven a cada un unha versión conveniente do mundo.

08/10/2026

E xa na década dos 80, Charles Lindblom advertíanos de que o mercado toma prisioneira á política. As reformas contra o capital conlevan asociadas un castigo automático en forma de desinversión ou desemprego.

Se todo está xa prescrito, desde o poder económico e mediático, resulta tentador a volta ao kleroterion. Polo menos, o sorteo sería un procedemento máis honesto. Ninguén sería seleccionado por destacar, por pagar ou por figurar en postos preeminentes, nin tampouco por rendibilizar a súa fama.

Con todo, o sorteo en por si non é a solución ao problema. Estando a axenda pública decidida de antemán por aqueles que controlan os algoritmos e os medios de comunicación, aqueles que resultasen elixidos por azar debaterían sobre unha realidade xa cociñada e filtrada. Cambiarían os nomes nos cargos, pero non quen dirixe a partida.

Máis útil parece seguir a Rosanvallon e o seu concepto de “contrademocracia”. Para este autor, a contrademocracia non é algo contrario á democracia, nin busca a súa destrución; refírese as prácticas de control cidadán que, en todo caso, requiren dunha sociedade activa e vixiante.

Tres son as formas de exercer esa contrademocracia. O poder de control: vixilancia e denuncia. O poder de obstrución: frear, bloquear ou vetar aquelas decisións contrarias ao ben común. O poder do xuízo: avaliación e rendición de contas.

No entanto, o propio autor advírtenos do gran perigo que supón un exercicio “impolítico” desa contrademocracia: a ausencia de propostas. Esa acción vixiante e de control debe ir acompañada de iniciativas construtivas e reflexivas. O non polo non, o provocar o mero resentimento reactivo e a parálise institucional, que non poucos hoxe practican, desembocan nun mero populismo baleiro que, paradoxalmente, volve beneficiar ao poder real.

Ilustración: diseño do autor realizado con apoio de IA xenerativa.

Engade un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

escola de ferrado
Resumo de privacidade

Esta web usa cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves á nosa web e axudar ao noso equipo a entender que seccións da web che resultan máis interesantes e útiles.