NHI. Tres letras. Ningún Humano Involucrado. Desta forma etiquetaban os funcionarios xudiciais de Los Ángeles, segundo contou Sylvya Wynter nunha carta de 1992, os casos que afectaban aos mozos negros desempregados dos guetos do centro da cidade.
Wynter escoitárao nun informativo de radio emitido nos días posteriores á absolución dos policías implicados no apaleamento a Rodney King. Unha sentenza que incendiou a cidade. Tres frías siglas para xustificar a violación dos dereitos humanos máis elementais.
Tres simples letras, NHI, que hoxe continúan vivas sementando o terror.

Falemos de Gaza. Netanyahu e os seus acólitos seguen utilizando a mesma lóxica deshumanizadora, a lóxica NHI, para xustificar o xenocidio do pobo palestino. Lembremos as palabras de You Gallant, quen foi o seu ministro de Defensa, ao anunciar o asedio total de Gaza en outubro de 2023: «Loitamos contra animais humanos».
Falemos de Ceuta. Da “invasión” de inmigrantes que cada día abre os noticiarios. Non dubido da angustia da cidadanía ceutí. Seguro que as cousas se puideron facer mellor. Pero enérvanme por demais aqueles que, ante un asunto tan complexo, receitan populismo en forma de solucións simples, cando non falaces.
Discursos políticos que deixan claro que, para os seus promotores, os inmigrantes non ostentan a condición de suxeitos humanos. Que, para eles, os sucesos de Ceuta encaixan nesas tres siglas. Algo que, seguindo a Wynter, só pode traducirse en espirais de violencia. Verten gasolina para logo lamentar o incendio.
O mundo non acaba nestes dous lugares. A xeografía NHI segue sendo demasiado extensa. Na súa carta, a escritora cita a Ralph Ellison, quen, na súa novela “O home invisible”, sinalaba que nos vemos os uns aos outros só a través dos «ollos interiores» cos que miramos a realidade.
Isto lévanos, apostila Wynter, a unha incómoda pregunta: cal é a nosa responsabilidade na fabricación deses «ollos interiores»? E permítome unha segunda cuestión: Cal é a nosa responsabilidade ante a súa propagación?
Fronte ao terror destas tres siglas, NHI, cabe opor a vixencia do que xa no ano 163 a.C. escribía Publio Terencio Afro, dramaturgo africano quen, por certo, chegou a Roma como escravo: «Homo sum, humani nihil a me alienum puto» (Home son, nada do humano éme alleo).
Ilustración: diseño do autor realizado con apoio de IA xenerativa.