«I have become comfortably numb» (Volvinme comodamente insensible). Un verso que leva corenta e sete anos acompañándonos e que talvez, aínda que poida custar admitilo, estea a describirnos a nós e á sociedade na que vivimos.
Pertence á canción «Comfortably numb» de Pink Floyd, dentro do seu álbum The Wall, publicado en 1979.
Corenta e sete anos son moitos e, no 2022, Roger Waters, xa na súa carreira en solitario, percibiu que algo non funcionaba ben. Gravou entón unha nova versión, máis escura, baixouna un ton enteiro, sen sós de guitarra, cunha voz feminina desgarradora. O vídeo oficial que acompañaba a esta versión mostraba un escenario apocalíptico, con ruínas e masas deshumanizadas. En palabras do propio Waters: «O vídeo busca falarlle a un mundo que se volveu apraciblemente insensible, un mundo que parece estar ao bordo da destrución… O vídeo pretende ser unha chamada de atención».

Nesa versión, aínda que a canción xa soaba distinta, o verso permanecía inmutable: «I have become comfortably numb».
Chegamos a xuño de 2026. Roger Waters lanza unha nova versión: «Comfortably Numb Re-Imagined». Nesta ocasión acompáñase da artista palestina Mona Miari. Waters modifica o texto, introducindo reflexións sobre memoria histórica, rendición de contas, sobre a santidade da vida humana, mentres Miari introduce fragmentos do folclore palestino e versos de Rim Banna, cantante e activista palestina xa falecida.
As imaxes dunha Gaza destruída son o fondo do vídeo. O verso cambia radicalmente. Só introducindo unha nova palabra: never (nunca), e un cambio, non menor, de tempo verbal.
“I will never become comfortably numb” (Nunca me volverei comodamente insensible).
En troques da triste resignación que implicaba aquel «volvinme comodamente insensible», aquí invertese totalmente a significación. Da resignación e a apatía pásase ao compromiso, á resistencia, á acción.
Waters tardou corenta e sete anos en cambiar a letra que escribiu para esa canción. Tócanos a nós decidir con que versión nos quedamos.
Ilustración: Montaxe do autor con dous fotogramas dos vídeos oficiais das versións de 2022 e 2026.