LIBROS, POLÍTICA, REFLEXIÓNS · · 2 min de lectura

O Vello da Tribu no Congreso

Somos ao mesmo tempo cordeiros dentro do rebaño e lobos contra outras manadas

O Vello da Tribu no Congreso

Di o Vello da Tribu: “Somos por natureza cooperativos dentro do grupo e intolerantes entre grupos. Ao mesmo tempo cordeiros dentro do rebaño e lobos contra outras manadas”.

Esta frase ben podería usarse para cualificar o comportamento do ser humano na política actual. Sen embargo, semella que hoxendía enténdese a democracia como unha batalla sen cuartel entre partidos, entre manadas. Debates convertidos en ataques. A razón da forza contra a forza da razón. Política en branco e negro.

Diario de Pontevedra, 19/08/2026

Moitos teñen recorrido a Darwin para indicar, tamén na política, que só pode sobrevivir o máis forte. Esa “lei do máis forte” que Darwin nunca pronunciou. Puro darwinismo malentendido. Como nos recorda o Vello da Tribu: “En realidade o que Darwin defendía era a supervivencia do máis adaptado, que é outra cousa”.

Semella entón que, en política, o máis adaptado sería precisamente o máis forte. O lobo máis feroz. Un instinto depredador consecuencia desa lóxica tribal da que nos fala o Vello da Tribu, e que segue firmemente instalada no ADN da democracia.

O Vello da Tribu ofrece outro modelo radicalmente distinto, aínda que nestes tempos semella de imposible aplicación. Así, advirte que cando percibe que un debate sube de nivel e se acalora, responde do seguinte xeito:  “Eu non pretendo ter razón, nin creo que se trate de ver quen ten razón,  confórmome con achegarte uns datos e uns puntos de vista nos que quizais non tiñas reparado”.

Un modo de ser e de estar no mundo que recorda o verso machadiano: «¿Tu verdad? No, la Verdad,y ven conmigo a buscarla».

“Fálavos pois o Vello da Tribu, e quero contarvos a historia das nosas orixes”. O Vello da Tribu é Juan Luis Arsuaga, paleontólogo internacionalmente recoñecido e director do equipo de investigación en Atapuerca, que volve a facer no seu libro “La respuesta” un exquisito exercicio de divulgación científica.

Un texto que tiven a ledicia de ler neste verán e que convida, ademais do magnífico relato sobre a orixe da especie humana, a reflexionar sobre a vida, sobre a sociedade actual, tamén sobre a política.

Polo de agora, paciencia. Parece que á lóxica tribal quédalle aínda un longo percorrido. Lamentablemente faltan os Vellos da Tribu no Congreso.

Ilustración: diseño do autor realizado con apoio de IA xenerativa.

Engade un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

escola de ferrado
Resumo de privacidade

Esta web usa cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves á nosa web e axudar ao noso equipo a entender que seccións da web che resultan máis interesantes e útiles.