«¡No vengái con huevás, mi general! No nos puede hacer semejante agachada».
Algo parecido debeu ser a contestación que lle deron ao xeneral Pinochet cando en novembro de 1980 anunciaba a súa decisión de privatizar o sistema de pensións chileno, substituíndo o sistema tradicional de repartición por un de capitalización individual que comezou a funcionar en 1981.
Pero o aviso dos seus colegas de armas non lle caeu a Pinochet en saco roto. E “semejante agachada” foino para todo o pobo chileno, excepto para o estamento militar. Non era cuestión de aplicar unha medida dese calibre aos “milicos”, aos compañeiros de armas que propiciaron o golpe de estado do 11 de setembro de 1973 e o asalto ao Palacio de La Moneda.

A fuer de ser precisos, foron as Forzas Armadas e as de Orde e Seguridade as que quedaron fóra do Decreto Lei 3.500. Deste xeito, conservaron os seus propios réximes de repartición con forte financiamento do Estado, a máis doutras condicións sensiblemente máis vantaxosas.
Está claro que tal decisión non foi un descoido. Os mandos da Xunta Militar, que era quen lexislaba, aceptaron de bo grado esa excepción que respondía á resistencia dos mandos militares -sabios eles- a integrarse no experimento privatizador.
Razóns sobradas tiñan, e o tempo terminou dándolles a razón. Cando empezaron a xubilarse as primeiras xeracións baixo o novo modelo, as pensións resultaron substancialmente máis baixas do prometido, alén doutros problemas acumulados que derivaron en prestacións de miseria.
Xa en 2008, coa socialista Michelle Bachelet na presidencia, houbo que crear un piar solidario para as pensións máis baixas e para quen carecía de dereito a prestación. Nos anos posteriores continuaron acumulándose parches e reformas para paliar o fracaso do sistema, acompañados de grandes protestas sociais que culminaron no estalido de 2019.
Cando hoxe, no noso país, escoitamos cantos desaforados de aqueles que, de gañar as eleccións, propoñen implantar, a semellanza de Pinochet, a privatización do noso sistema de pensións, só cabe preguntarlles: vanllo implantar tamén ás Forzas Armadas, ou, polo que poida pasar, volverán deixalas como excepción?
Ilustración: diseño do autor realizado con apoio de IA xenerativa.