EDUCACIÓN, POLÍTICA · · 2 min de lectura

Os pobres non precisan unha educación de calidade

Ao neno pobre quitámoslle a escola boa e, de paso, todo o demais: o dentista, a vacina e a comida

Os pobres non precisan unha educación de calidade

Aos pobres, nin caso. A calidade, para os ricos. Que aos pobres os eduquen os seus pais, que ademais moitos estarán no paro e sóbralles o tempo —non vaia ser que pasen a mañá no bar, lacazaneando, en lugar de dedicarse ao seu: ser pobres con aproveitamento.

Ese, máis ou menos, podería ser o resumo do que lle ronda a cabeza ao goberno de Trump. E non, non parece que haxa teito para a indignación á que é capaz de elevarnos este plutócrata de ouropel dourado.

Diario de Pontevedra, 11/08/2026

Repasemos. O Head Start é un programa federal que ofrece educación infantil temperá, servizos de saúde, nutrición e apoio ás familias de baixos ingresos con nenos pequenos. Traducido: un deses programas incómodos que se empeñan en que o futuro dun cativo non dependa do berce no que lle tocou nacer. Unha extravagancia.

Pois ben: o goberno do país máis rico do mundo, o pasado 6 de agosto, presentou unha proposta para baleirar boa parte das regulacións que fixaban os niveis de seguridade e calidade do programa —esas cento e pico páxinas, eses requisitos molestos— e substituílas por unha versión alixeirada, adelgazada, low cost. Fóra as ratios. Fóra o tamaño máximo da aula. Fóra o número mínimo de profesionais por neno. E, xa postos, fóra tamén boa parte da atención aos nenos con discapacidade. Como non. Faltaría máis.

Ah, e por se o recorte quedaba curto: medios estadounidenses calculan que máis de 100.000 nenos poderían quedar fóra do programa polo delito de teren pais sen papeis. Unha medida que os tribunais xa frearon unha vez, e que a administración insiste en reintroducir. Nenos de tres anos. Perigosísimos.

Convén lembrar que é o que se está a desmantelar. Non falamos só de gardería con letras. Falamos dun servizo integral que incluía revisións médicas, dentais, vacinación, apoio nutricional. Nun país que non ten sanidade universal e gratuíta, e onde o pouco colchón que existe para os máis vulnerables —Medicaid, o programa para as familias con menos recursos— tamén está no punto de mira da tesoira. É dicir: ao neno pobre quitámoslle a escola boa e, de paso, todo o demais: o dentista, a vacina e a comida.

A coartada é de manual: descentralizar, dar autonomía a cada estado, confiar no local. Soa ben. O detalle é que moitos deses estados non regulan estándares de calidade nin teñen a menor intención de facelo. E detrás, fretando as mans, a privatización, que xa se relambe ante a perspectiva dun negocio sen unha soa esixencia de calidade que cumprir. Barra libre.

Todo isto sobre un programa do que a evidencia —esa cousa antipática— di que produce beneficios en saúde, en escolarización e en resultados a longo prazo. Pero, en fin. De verdade lle interesa iso a un pobre?

Pois vai ser que non. Que no país máis rico do mundo, resulta, os pobres non precisan unha educación de calidade.

Ilustración: diseño do autor realizado con apoio de IA xenerativa.

Engade un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

escola de ferrado
Resumo de privacidade

Esta web usa cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves á nosa web e axudar ao noso equipo a entender que seccións da web che resultan máis interesantes e útiles.