DEMOCRACIA, POLÍTICA, XUSTIZA · · 3 min de lectura

“Nós, o pobo”, escoitamos o eco daquela historia

A pérfida ansia de poder sen límites e a imposición de crueldade na súa procura non coñecen fronteiras e carecen de toda decencia humana

“Nós, o pobo”, escoitamos o eco daquela historia

Un gorro azul con ollos e orellas de coello. Un neno de cinco anos. Unha mochila diminuta. E, sobre ela, a man pétrea dun axente do ICE: a policía migratoria convertida, baixo Trump, nunha versión da Gestapo. Unha man que non só detén ao neno: inmobilízao, redúceo a obxecto.

O neno é o fillo de Adrián Conejo Arias. E é o pai quen, en nome de ambos, atrévese a interpoñer recurso ante o Tribunal Federal do distrito oeste de Texas. Recurso co que, en palabras do xuíz, “non buscan máis nada que un mínimo de debido proceso e o respecto ao Estado de dereito”.

Diario de Pontevedra, 08/02/2026

O xuíz, Fred Biery, un nome que quizá non lembren os libros de historia, pero deberían, asina unha modélica sentenza que é unha aldrabada. E faino cunha elegancia exquisita: lembrándolle á administración trumpiana que xa en 1776 os colonos denunciaban a Jorge III por abusos que hoxe soan perigosamente familiares.

Aí están, un tras outro, como un espello que ninguén quere mirar:

  • “Enviou aquí enxames de funcionarios para hostigar ao noso pobo”.
  • “Incitou insurreccións internas entre nós”.
  • “Por acuartelar grandes corpos de tropas armadas entre nós”.
  • “Mantivo entre nós, en tempos de paz, exércitos permanentes sen o consentimento das nosas lexislaturas”.

Biery non necesita subliñar nada. Só deixa caer, cunha ironía que corta como fino estilete: “«Nós, o pobo», estamos a escoitar ecos daquela historia”.

E, como non, aparece a Cuarta Emenda, esa “molesta incomodidade” que tanto irrita a quen soña cun Estado sen freos nin contrapesos. Esa cláusula que di, cal martelo pilón, que ninguén pode ser rexistrado ou detido sen causa probable. Que o poder ten límites. Que a liberdade non é un adorno.

“O dereito do pobo para estar seguro nas súas persoas, domicilios, documentos e efectos, contra rexistros e detencións irrazonables, non será violado, e non se emitirán ordes senón con causa probable, apoiada por xuramento ou afirmación, e describindo particularmente o lugar que deba ser rexistrado e as persoas ou cousas que haxan de ser incautadas”.

O recurso presentado polos Conejo é “The Great Writ” (“O Gran Recurso”), algo que non debe pasarnos inadvertida. Na tradición xurídica inglesa e estadounidense, o “Habeas Corpus” considérase o recurso máis importante para protexer a liberdade individual, o último dique contra detencións arbitrarias, a ferramenta que obriga ao Estado para xustificar por que encerra a alguén. Esa é a razón pola cal, desde o século XVII, ao “Habeas Corpus” denomínaselle así, “The Great Writ”.

E si: o xuíz ordena a liberación inmediata. Pero o importante non é só o resultado, senón o ton. O texto completo —que convido a ler en www.escoladeferrado.es— é un manifesto xudicial contra a crueldade burocrática do executivo.

Biery escribe, negro sobre branco, o que moitos pensan e poucos se atreven a dicir: “Para algúns entre nós, a pérfida ansia de poder sen límites e a imposición de crueldade na súa procura non coñecen fronteiras e carecen de toda decencia humana. E o Estado de dereito impórtalles un comiño”.

Nunha postdata a modo de lategazo moral, Biery engade a referencia a dous versículos do Novo Testamento: Mateo 19:14 —“Deixade aos nenos vir a min, e non llo impidades”— e Juan 11:35 —“Xesús chorou”—.

Non fai falta ser crente para entender a mensaxe: cando un Estado fai chorar a un neno, algo esencial rompeuse.

Engade un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

escola de ferrado
Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.